O FICBueu pecha a súa oitava edición con éxito de público

Bueu
13 de setembro 2015

Durante toda a semana as dúas proxeccións diarias completaron o aforo do Centro Social do Mar. O filme alemán 'Nashorn im Galopp' (Rinoceronte ao galope) levouse o primeiro premio, dotado con 2.000 euros  

Premiados no oitavo FICBueu Adrián Mandado/FICBUEU

A comedia romántica alemá 'Nashron im Galopp' (Rinoceronte ao galope), de Erik Schmitt, levou o primeiro premio do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, dotado con 2.000 euros.

A oitava edición do certame pechouse na noite do sábado coa gala de clausura tras unha exitosa semana, en especial en relación á asistencia de público.

Durante toda a semana, a ritmo de dous pases diarios, o Centro Social do Mar encheuse para ver as cintas a concurso, o que supón "o mellor recoñecemento", sinalou o alcalde de Bueu, Félix Juncal.

O segundo premio do FICBueu foi para a cinta georgiana 'Dinola', dirixida por Mariam Khatchvani, mentres a curta española 'El Corredor', dirixida por José Luís Montesinos, obtivo o premio do público.

Pola súa banda 'Unary' de Luís Avilés foi elixido como o mellor filme galego desta edición.

A coordinadora do festival, Cristina Sanmartín, e tres profesionais do audiovisual como Ana Diz, Anxo Santomil e a actriz Deborah Vukusic, foron os encargados de anunciar aos vencedores das 11 categorías técnicas e artísticas.

Na gala de clausura mandouse ademais unha mensaxe reivindicativa cando César Aldea interpretou un poema sirio que fala do tráxico destino de moitos refuxiados e migrantes que cruzan o Mar Mediterráneo.