Híbridas en Santa Clara arranca esta fin de semana e farao cunha tripla oferta que mesturará a tradición con sons máis contemporáneos.
O dúo Caamaño & Ameixeiras, co seu espectáculo Aire!, será o encargado de inaugurar o programa do ciclo Mesturas. Será este venres, día 8 de abril, ás 20 horas.
Formado por Sabela Caamaño no acordeón cromático e por Antía Ameixeiras no violín e a voz, estas dúas mulleres toman como punto de partida a tradición, entendida como algo vivo e en constante cambio, para crear despois unha linguaxe de seu, con composicións e arranxos persoais e íntimos que manteñen a esencia do popular pero con recursos contemporáneos.
O sábado 9 de abril, ás 20 horas, as pontevedresas Samudra Trío, Laura, Jimena e Yamini á frauta, cello e piano, ofrecerán o espectáculo Odisea, tamén dentro dociclo Mesturas.
De orixe pontevedresa, o trío Samudra nace coa finalidade de crear un estilo propio dentro da música de cámara. Amosan un interese polo repertorio descoñecido alén das correntes occidentais e a recuperación do patrimonio musical, algo que as levou a explorar fóra do repertorio orixinal e a incorporar obras de compositoras esquecidas.
Doutra banda, o domingo 10 de abril, ás 20 horas, o tándem formado por Capela Madriagalista e Quinteto Rubato estrearán o ciclo Sons no Retablo e levarán ata Santa Clara a Missa Pro Natura.
O seu é un proxecto conxunto que ten por fin recrear unha misa sacra con texto en latín e galego, que compuxo Julio Domínguez, na que destaca unha mensaxe da relación do ser humano en diversos aspectos coa natureza e a súa harmonía.