O folk galego de Luar na Lubre enche o adro da festa de Santa María de Sacos

Cerdedo Cotobade
16 de agosto 2023

O mítico grupo de folk galego mesturou na súa actuación os novos éxitos de 'Encrucillada' con temas populares da súa discografía. O concerto ratifica o éxito estival do programa 'Cerdedo-Cotobade en Sons'  

Concerto de Luar na Lubre en Santa María de Sacos
Concerto de Luar na Lubre en Santa María de Sacos / Concello de Cerdedo-Cotobade

O mítico grupo de folk galego Luar na Lubre encheu na noite deste martes 15 de agosto o Adro da Festa de Santa María de Sacos, cun público entregado que non deixou ningunha cadeira baleira

O concerto, que o Concello cualifica como un "éxito", supón tamén ratificar o apoio do público ao programa 'Cerdedo-Cotobade en Sons' co que a Administración local busca dinamizar o verán e achegar a boa música en directo á veciñanza por todo o territorio.

O numeroso público que se congregou no Adro da Festa de Santa María de Sacos premiou co aplauso a interpretación de novos temas do último traballo do grupo que, baixo o título de 'Luar na Lubre XX Encrucillada', acaba de publicar este mítico conxunto galego de música folk.

Entre os asistentes ao concerto estiveron o alcalde, Jorge Cubela, e o tenente de alcalde, Fernando Vázquez. O rexedor destacou que é "unha honra" contar coa actuación de Luar na Lubre, "un dos grupos de música folk máis veteranos e de recoñecido prestixio"

O alcalde agradeceu ao público a súa asistencia, que vén a reforzar o éxito deste programa que está a percorrer todo o territorio que conforma Cerdedo-Cotobade.