O humor nas Festas de Verán, con Luis Zahera, David Amor, Carlos Blanco, Touriñán e Marta Doviro

Pontevedra
21 de xuño 2022

Noites de Monólogos, un dos ciclos que se incorporou durante a pandemia ás Festas de Verán, manterase na programación festiva de 2022. Farao, entre os días 1 e 5 de agosto, no escenario elixido desde o seu nacemento, as renovadas pistas deportivas de Campolongo

O actor Luis Zahera
O actor Luis Zahera / PontevedraViva Radio

Noites de Monólogos, un dos ciclos que se incorporou durante a pandemia ás Festas de Verán, manterase na programación festiva de 2022

Farao, entre os días 1 e 5 de agosto, no escenario elixido desde o seu nacemento, as renovadas pistas deportivas de Campolongo, segundo anunciou a edil de Festas, Carme da Silva, que desvelou o nome dos cinco cómicos que formarán parte do seu cartel.

O primeiro en actuar nesta nova edición de Noites de Monólogos será o actor Luís Zahera, que fará rir ao público o luns 1 de agosto, a partir das 22:30 horas.

A el seguiralle o pontevedrés David Amor e o arousán Carlos Blanco, dous habituais dos espectáculos cómicos que se representan na cidade, que actuarán os días 2 e 3 de agosto, respectivamente.

Xosé Antonio Touriñán, popular polos seus traballos na TVG e en series como Fariña, será o cómico elixido para a sesión que se celebrará o 4 de agosto.

A única representante feminina neste ciclo humorístico será a actriz e presentadora compostelá Marta Doviro, que traerá a Pontevedra o seu espectáculo Memorias dunha rapasa da Costa, o venres 5 de agosto.

Como todos os ciclos incluídos nas Festas de Verán, as cinco actuacións incluídas en Noites de Monólogos serán de entrada libre e gratuíta.