O ilusionismo desaparecerá e aparecerá durante cinco noites na Praza da Ferrería

Pontevedra
23 de xullo 2021

Este sábado 24 inícianse as sesións gratuítas a partir das 22.00 horas coa actuación do mago galego Dani Polo. Nas seguintes xornadas, polo céntrico escenario pasarán Pedro Volta, The Magicians, o Mago Teto e o Mago Cayetano Lledó ofrecendo os seus mellores trucos de maxia

O ilusionista galego Dani Polo
O ilusionista galego Dani Polo / Dani Polo

Ponteilusión, o ciclo de ilusionismo, chega este sábado 24 á programación de verán do Concello de Pontevedra coa actuación a partir das 22.00 horas na Praza da Ferrería do mago galego Dani Polo.

Durante cinco días consecutivos, ata o mércores 28 de xullo, todas as noites o escenario da céntrica praza pontevedresa acollerá unha actuación dos mellores meigos de Galicia.

A entrada é gratuíta e seguiranse todos os protocolos sanitarios establecidos polas autoridades. A programación é a seguinte:

- Sábado 24. 'A maxia de Dani Polo', un espectáculo áxil no que se suceden sorpresas permanentes no escenario.

- Domingo 25. 'Ilusionante', do ilusionista pontevedrés Pedro Volta, que ofrece un show de 80 minutos para público familiar, con novos números de  escapismo, a especialidade deste artista.

- Luns 26. 'The Magicians', con Arkadio e Solange Kadinaly. Esta parella combina humor e números atractivos nunha montaxe conxunta.

- Martes 27. O Mago Teto presenta 'Alquimia', unha proposta sobre a simboloxía dos libros sobre esta práctica  protocientífica con este mago galego en busca da pedra filosofal para atopar a felicidade xeral.

- Mércores 28. 'Francois Lafayette. Le Cirque', do Mago Cayetano Lledó, coa combinación de maxia con comicidade a través de teatro clásico e contemporáneo baixo a influencia das artes circenses.

Todas as actuacións comezarán ás 22.00 horas.