O Museo de Colón de Poio incorpórase á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos

Poio
30 de setembro 2020

A rede REMA é unha iniciativa dos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia. A Ría de Pontevedra conta con tres espazos adheridos, nos que se inclúen os centros de interpretación de Agrelo e Cabo Udra

 Casa Museo de Colón de Poio
Casa Museo de Colón de Poio

Este martes celebrouse unha nova xuntanza online para coordinar o traballo dos vindeiros meses entre os GALP e os museos. Nesta reunión aprobouse a incorporación do Museo de Colón de Poio e o Barco-Museo Boniteiro Reina del Carmen de Burela á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos.

Co Museo de Colón, o Centro de Interpretación do Litoral de Agrelo (que contou co financiamento do GALP Ría de Pontevedra para a súa creación) e o Centro de Interpretación da Natureza de Cabo Udra, ambos situados no municipio de Bueu, xa son tres os espazos da Ría de Pontevedra que forman parte da rede REMA.

O obxectivo deste programa é poñer en valor os espazos museísticos que promocionan e difunden as características, o patrimonio e a cultura dos territorios costeiros do Arco Atlántico.

Trátase da primeira rede europea na que se dan citan os centros atlánticos e á que se sumaron o pasado ano 27 novas entidades.

O proxecto de cooperación Pasaporte REMA (Rede de Espazos Museísticos Atlánticos), integrado no plan Morada Atlántica, é unha iniciativa dos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia. Nela participan os GALP Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Ría de Vigo-A Guarda, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Costa Sostible e A Mariña-Ortegal e está liderada polo GALP Costa da Morte. Conta coa financiación do Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP).