O Museo promove a difusión dalgunhas das súas máis valiosas pezas a través de #aportapechada nas redes sociais

Pontevedra
01 de setembro 2020

Na última entrega, o arqueólogo Óscar Barros Fernández, do departamento de Educación, ilustra sobre o machado votivo, un dos bronces de sacrificio do noroeste peninsular e unha xoia da metalurxia protohistórica de Galicia

Machado votivo
Machado votivo / Museo de Pontevedra - Deputación de Pontevedra

A través de #aportapechada, o Museo de Pontevedra continúa ofrecendo nas redes sociais información sobre algunhas das pezas máis importantes que se atopan nas súas instalacións. 

Se en anteriores entregas, ofrecíanse explicacións sobre as pezas de Sargadelos ou sobre o pintor Manuel Colmeiro, no último vídeo o arqueólogo Óscar Barros Fernández, do departamento de Educación do Museo, ofrece unha explicación sobre unha das xoias da metalurxia protohistórica de Galicia. Trátase dun machado votivo, un dos denominados bronces de sacrificio que se localizaron no noroeste da península. 

Ao longo de oito minutos, explícase que esta peza foi depositada no Museo en 1999 e presenta un bo estado de conservación, agás por unha fractura pequena no fío desta peza que está formada por tres partes.

Realizábase cun molde en cera, recuberto de arxila onde se aplicaba o bronce e despois engadíanse outros elementos. Este machado votivo podía utilizarse como caldeiro para a queima de substancias que neutralizarían malos cheiros ou tamén se presentaba como un elemento de prestixio. Nos seus elementos simbólicos nárrase un cerimonial con animais sacrificados para o seu consumo.