O Pazo promete un 2017 "espectacular" para celebrar o seu vixésimo aniversario

Pontevedra
21 de decembro 2016

Tras un 2016 "excepcional", o Pazo da Cultura de Pontevedra encara un ano moi especial. En 2017 cumprirá o seu vixésimo aniversario e celebrarao ao grande, cunha programación que promete ser "espectacular". Así o destacou este mércores a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, nun almorzo informativo cos medios

Photocall instalado no Pazo con motivo do seu 20 aniversario PontevedraViva

Tras un 2016 "excepcional", o Pazo da Cultura de Pontevedra encara un ano moi especial. En 2017 cumprirá o seu vixésimo aniversario e celebrarao ao grande, cunha programación que promete ser "espectacular". Así o destacou este mércores a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, nun almorzo informativo cos medios.

Os datos de asistencia ao Pazo, con máis de 218.000 visitantes este ano, son unhas cifras "marabillosas" que demostra, segundo a responsable municipal, que se logrou "romper" a barreira psicolóxica de "cruzar o río" para gozar da oferta cultural de Pontevedra.

Anxos Riveiro destacou que este ano o Pazo da Cultura logrou cubrir os puntos "febles" da súa programación, especialmente no ámbito audiovisual coa incorporación do festival Novos Cinemas, o ciclo Amal en Ruta ou a actividade do Cineclub Pontevedra.

Unha gran acollida volveron a recibir ofertas "asentadas" como a programación teatral de Ponteatro ou Summum e, por suposto, a oferta infantil que "tanto nos caracteriza".

Ademais, a música tivo un protagonismo especial e verase reforzada coa chegada en 2017 do ciclo Voices, que se estreará cun concerto da estadounidense Macy Gray.

En total foron máis de 800 actividades culturais e de lecer as que se programaron ao longo deste ano.

Para o vixésimo aniversario, o Pazo da Cultura está a preparar numerosas sorpresas para todos os seus espazos -Pazo, Recinto Feiral e Teatro Principal-, unha efemérides que será aínda máis destacada o 20 de setembro, data na que se cumprirán vinte anos da súa inauguración.

Farase "algo especial" co que o Pazo pretende poñer en valor "toda a xente que pasou por aquí" e a importancia que ten para a cidade contar cun equipamento cultural destas características.