Música galega con aires cubanos para as Festas da Peregrina. Así foi o concerto co que arrancou a oferta musical da semana grande pontevedresa. Ao escenario da praza de España subiu este sábado Roi Casal, antigo compoñente de Milladoiro, que presentou en directo o seu último disco, Son galego, son cubano.
Centos de persoas achegáronse a gozar cun espectáculo ideado xunto ao falecido escritor Xosé Neira Vilas, que busca homenaxear a presenza galega en Cuba, todo un símbolo da emigración dos nosos antepasados.
Son galego, Son cubano rende homenaxe a emigrantes que desde Cuba axudaron a conformar a identidade galega e, ao mesmo tempo, achegaron á nacionalidade cubana.
Xunto coas letras de Neira Vilas, que dan ao espectáculo un toque especial, Casal estivo arroupado por músicos de ambos os países.
A música regresará este domingo á praza de España co concerto da mítica banda de rock española Mago de Oz. Estará acompañada dunha banda local, Vos Solfabirras.