O Surfing the Lérez, a romaría do rock and roll, regresa co "mellor cartel que xamais tivo"

Pontevedra
10 de xuño 2016

O festival Surfing the Lérez, a romaría do rock and roll que anualmente se celebra na Illa das Esculturas de Pontevedra, regresa co que é, segundo os seus organizadores, o mellor cartel que xamais tivo. Amplíase a dous días, os próximos 17 e 18 de xuño, pero seguirá sendo gratuíto e mantén o seu espírito familiar, apostando por unha programación musical e cultural apta para todas as idades

Surfing the Lérez
Surfing the Lérez / Diego Torrado

O festival Surfing the Lérez, a romaría do rock and roll que anualmente se celebra na Illa das Esculturas de Pontevedra, regresa co que é, segundo os seus organizadores, o mellor cartel que xamais tivo. Amplíase a dous días, os próximos 17 e 18 de xuño, pero seguirá sendo gratuíto e mantén o seu espírito familiar, apostando por unha programación musical e cultural apta para todas as idades.

Este festival, destacou a concelleira de Festas, Carme da Silva, abre a programación de verán de Pontevedra e faino no lugar "máis acaído" para un evento destas características e que xa se converteu nun referente do panorama musical galego.

Ademais, este ano "estamos moi contentos co cartel", explicaron tanto Da Silva como Marcos Rivas, organizador do Surfing the Lérez, porque a oferta musical é galega "ao 99 por cen". Demóstrase así, explicaron, que en Galicia hai bandas e artistas con "categoría para estar en calquera escenario" dun gran festival.

Os horarios das actuacións son os seguintes:

Venres 17 de xuño

  • 18.45 horas: Os Rapaces
  • 19.45 horas: Samesugas
  • 20.45 horas: The Phantom Keys
  • 21.45 horas: The Limboos
  • 22.45 horas: Tractor Troy

 

Sábado 18 de xuño

  • 12.15 horas: Antifrágil
  • 12.50 horas: Jhonander
  • 13.35 horas: The Phantom Dragsters
  • 14.20 horas: Agoraphobia
  • 15.10 horas: Igloo
  • 16.00 horas: Thee Blind Crows
  • 16.55 horas: Dixie Town
  • 17.45 horas: Eladio y los seres queridos
  • 18.40 horas: Arturo Delgado
  • 19.35 horas: Atención Tsunami
  • 20.30 horas: Terbutalina
  • 21.30 horas: Novedades Carminha
  • 22.40 horas: Familia Caamagno

 

Toda esta intensa oferta musical compleméntase cunha zona infantil para os máis pequenos onde se ofrecerán, entre outras actividades, unha master class de DJ, contacontos, un taller de grafiti, teatro e concertos adaptados para o público máis novo.

Haberá tamén unha post-festa en El Pequeño, a partir das doce da noite, e na Sala Karma desde as tres da madrugada.

Surfing the Lérez aumentará ademais a oferta gastronómica cunha maior presenza de food-trucks e máis variedade de produtos -incluída comida apta para celiacos-. 

A entrada ao Surfing the Lérez seguirá sendo gratuíta, pero pídense doazóns de alimentos non perecedoiros ou produtos de primeira necesidade que serán entregados posteriormente á Rede Axuda. O pasado ano reuníronse catro toneladas de alimentos. Para esta edición, os organizadores piden que se prioricen produtos como leite, cacao, café, pasta, arroz, latas de conservas e cueiros, entre outros.