A illa das Esculturas foi este caloroso sábado lugar de peregrinación para miles de mozos que acudiron á romería laica, familiar e solidaria do Surfing the Lérez.
O ritmo que soa no escenario do grupo Novedades Carminha recórdanos que a música é o motivo que une a toda esta xente, pero este festival é tamén, entre outras cousas: solidariedade.
Ata cinco viaxes fixo a furgoneta do Concello cargada ata os topes cos alimentos doados polo público. O almacén da Casa Azul ten hoxe un aspecto formidable.
Non é normal que nun festival de música se poida encontrar un menú infantil, pero é que Surfing the Lérez se sae do habitual ao converter a Illa do Covo en lugar de encontro interxeracional. De aí que a oferta pense en todos, dende os máis pequenos ata os avós, con distintos talleres, graffiti, actividades deportivas, viños galegos ou cervexa artesanal.
No escenario os protagonistas foron as bandas Furius Monkey House, Camarada Nimoy, Los Coronas, Sex Museum, The Dustaphonics, Maryland, Oscar Avendaño, Los Profesionales, DJ Gramola, Gog y las Hienas Telepáticas, Que Desilusión!, Angel Stanich e Huge Magnet.