A obra 'Cando as bolboretas maten' pecha en Salcedo o curso do proxecto Teatro con Lingua

Pontevedra
14 de xuño 2025

O grupo de teatro afeccionado organizado pola concellaría de Normalización Lingüística busca dinamizar o uso do galego entre a xente nova a través da improvisación e a creación teatral

Centro Social Casa Verde de Salcedo
Centro Social Casa Verde de Salcedo / Asociación Cultural Casa Verde

O proxecto Teatro con Lingua impulsado polo departamento municipal de Normalización Lingüística vivirá este domingo o seu día grande coa estrea de ‘Cando as bolboretas maten’.

Será este domingo día 15 de xuño ás 20.00 horas na Casa Verde de Salcedo con entrada libre.

Con esta obra, o grupo de teatro afeccionado pon o broche aos ensaios semanais iniciados no mes de febreiro.

Este proxecto busca dinamizar o uso do galego entre a xente nova a través da improvisación e a creación teatral e contou coa participación de preto de 20 mozos e mozas entre os 18 e os 30 anos.

Entre outros obxectivos estimula a creatividade, achega ao teatro amador en galego, convida á reflexión crítica sobre diferentes temáticas e promove o galego como lingua de socialización.

Obra 'Cando as bolboretas maten'
Obra 'Cando as bolboretas maten'Concello de Pontevedra

Algún dos membros do grupo son de fóra de Galicia e, ademais do gusto polo teatro, "viron nos ensaios a oportunidade de coñecer xente e aprender a lingua galega", segundo destacan desde o Concello.

Vicky Estévez, actriz, cofundadora da compañía 105 Besos Teatro e activista feminista, foi a encargada de guiar tanto os ensaios como a montaxe.

Sobre a obra, Estévez explica que "cando as bolboretas baten as súas ás, os efectos se poden sentir no outro lado do mundo, porque accións que parecen pequenas poden ser, en realidade, grandes obras. A través de escenas aparentemente inconexas, observamos as inxustizas que temos ao redor e provocamos ese bater que, mediante a unión, o activismo e a comunidade, pode mudar o mundo".