Chega a Pontevedra un novo festival de música. Será, tras Surfing the Lérez, Río Verbena e Bigsound, o cuarto que se celebre na cidade. Pero, a diferenza deles, segundo destacaron os seus promotores, o único que se faga en pleno inverno.
Bandas e artistas "míticos" do rock e do pop nacional conformarán a oferta musical da primeira edición do Invernia Fest, que terá como escenario o Recinto Feiral de Pontevedra. Será os días 6 e 7 de febreiro.
Os seus impulsores son o triatleta Javier Gómez Noya e o empresario pontevedrés Fernando Fernández Pidal, responsable de Los 3 Monos, que sinalaron que esperan que a de 2026 "sexa a primeira edición de moitas máis".
"Estamos moi ilusionados con facer este festival en Pontevedra e que a xente poida gozar da música tamén no inverno", explicou Gómez Noya, que se mostrou moi satisfeito de embarcarse nesta "aventura".
O Invernia Fest ofrecerá un cartel "moi variado e compensado", subliñou os seus creadores.
O venres 6 de febreiro, a partir das 19:00 horas, soará o hard rock con toques melódicos e case metal de Sôber, o pop adulto e fresco de Efecto Mariposa, o rock alternativo da pontevedresa Chroma e unha banda tributo a Red Hot Chili Peppers, os Green Hot Peppers.
Ao día seguinte, sábado 7, a música comezará a soar xa en sesión vermú (13:00 horas) con dúas bandas de rock "cañero" como La Fuga e Obús, co rock alternativo das galegas Agoraphobia e con outro tributo, neste caso a Guns N' Roses, Gansos Rosas.
Os madrileños Afónica Naranjo, que transforman grandes éxitos da música popular en explosións de punk e hardcore, e os pontevedreses Liorta, a banda de rock que encabeza o propio Javier Gómez Noya, completarán o cartel do sábado.
Haberá ademais 'food-trucks' en todo o recinto e varios DJ pontevedreses animarán a festa entre cada un dos concertos e, ao terminar, até o tres da madrugada.
Os responsables do Invernia Fest explican que o recinto ofrecerá "todas as comodidades" xa que está climatizado, polo que os asistentes poderán gozar da música "mesmo con choivas ou se hai temperaturas moi baixas".
Na súa presentación participaron tamén os edís responsables das áreas de cultura e de promoción da cidade, Demetrio Gómez e Anabel Gulías, que celebraron que este festival "veña a completar" unha oferta cultural en Pontevedra que xa era "moi ambiciosa".
As entradas para este primeiro Invernia Fest xa están á venda. Os abonos para os dous días teñen un prezo de 49 euros. As do venres custarán 20 euros e as do sábado, 36.