A ollada da infancia baixo as bombas chega a Casa das Campás cos debuxos da Guerra Civil

Pontevedra
21 de abril 2026

A exposición ‘E ademais debuxan!’ amosa o labor humanitario dos cuáqueros e a crónica artística de nenos e nenas que viviron o conflito de 1936 en primeira persoa

Manuel Morquecho amosa debuxos do libro ‘E ademais debuxan!’
Manuel Morquecho amosa debuxos do libro ‘E ademais debuxan!’ / Antía Quinteiro García

Desde o vindeiro 6 de maio e ata o 5 de xuño, a sala de exposicións da Casa das Campás, espazo cedido pola Universidade de Vigo ante as obras no Teatro Principal, acollerá a mostra ‘E ademais debuxan!’.

A iniciativa, presentada esta martes polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e o promotor e representante da UVigo, Manuel Morquecho, reúne 48 debuxos realizados por nenos e nenas durante a Guerra Civil Española, un testemuño gráfico que mestura a crueza do conflito coa capacidade terapéutica da arte.

A colección ten unha orixe marcada pola solidariedade internacional. Foron os cuáqueros, un grupo pacifista norteamericano, os que recolleron estas obras, arredor do ano 1938, nas colonias infantís da zona republicana e entre os menores evacuados á URSS, América do Sur ou Francia.

O obxectivo era recadar fondos para axuda alimentaria a través da venda dun libro, titulado They Still Draw Pictures (1938), prologado polo recoñecido escritor Aldous Huxley.

Aqueles debuxos vendíanse por un dólar da época, coa intención de axudar ás familias deses nenos afectados pola guerra civil.

A exposición ten un valor artístico con obras que, no contexto, resultan tráxicas e funciona como unha crónica de guerra alternativa á fotografía profesional de figuras como Robert Capa.

Segundo explicou Manuel Morquecho, mentres a cámara capta o instante inmediato, estes debuxos reflicten o que quedou gravado na memoria dos pequenos: bombardeos dende o ceo, barcos atacando a costa andaluza ou a vida diaria nos refuxios.

A mostra conta cun comisario de excepción, Vladimir Merino, fillo dunha "nena da guerra" que foi evacuada a Moscova.

Merino, que naceu na capital rusa, será o encargado de ofrecer charlas didácticas e visitas guiadas, achegando a súa propia biografía como parte do relato do exilio.

O concelleiro Demetrio Gómez salientou a vixencia deste proxecto, establecendo un paralelismo directo coas vítimas infantís en conflitos actuais como os de Gaza, o Líbano ou Irán. "Os nenos e nenas son sempre as vítimas e queremos amosar como sufrían tamén no ano 37", apuntou.

A exposición compleméntase cunha serie de eventos que procuran afondar na pedagoxía da memoria:

  • Mércores 6 de maio (19:00 horas): Inauguración oficial e visita guiada co comisario Vladimir Merino.

  • Venres 8 de maio (19:00 horas): Conferencia de Vladimir Merino titulada "E ademais debuxan", seguida dunha nova visita guiada.

As 48 pezas, con dimensións de 70x50 centímetros e acompañadas dos seus correspondentes carteis identificativos, onde figura o nome e idade do autor, chegan a Pontevedra procedentes de Casares, municipio da provincia de Málaga.

A mostra inclúe tamén un vídeo con imaxes da época que se proxectará de xeito continuo, coa intención de potenciar o carácter didáctico dunha iniciativa que, en palabras de Demetrio Gómez, garda similitudes co espírito do Salón do Libro onde se recolleron debuxos realizados por nenos e nenas de Gaza.

Manuel Morquecho e Demetrio Gómez presentan a mostra 'E ademais debuxan"
Manuel Morquecho e Demetrio Gómez presentan a mostra 'E ademais debuxan"Antía Quinteiro García

O concelleiro destacou a importancia desta fórmula na que se ofrece outro punto de vista da realidade dende a perspectiva dos máis novos.

O sábado 9 de maio ás 12:00 horas tamén está prevista unha ruta pola cidade baixo o título 'Mañá será outro día. Paseo sobre a literatura e o exilio en Pontevedra', organizado por Maos Innovación.

Para esta actividade é preciso incribirse a través da web municipal apuntate.pontevedra.gal