Os escolares de Cotobade inician a Primavera das Letras de Antonio Fraguas

Cerdedo Cotobade
01 de marzo 2019

A Real Academia Galega presentaba esta iniciativa no CEIP de Carballedo nun acto no que tamén participaron estudantes do CEIP de Tenorio. O alumnado puido aprender e divertirse con material didáctico arredor do universo do protagonista do Día das Letras Galegas 2019

Escolares de Cotobade na presentación da 'Primavera das Letras de Antonio Fraguas'
Escolares de Cotobade na presentación da 'Primavera das Letras de Antonio Fraguas' / Real Academia da Lingua

Do mesmo xeito que Antonio Fraguas, o autor homenaxeado este ano con motivo do Día das Letras Galegas 2019, naceu e creceu nas terras da provincia, este xoves decenas de escolares participaron do inicio da Primavera das Letras que pon en marcha a Real Academia Galega (RAG).

Trátase dun proxecto web que, a través de material lúdico e didáctico sobre a vida de Fraguas, pretende que os escolares se acheguen á súa figura. A proposta presentábase ante a comunidade educativa de Cotobade no CEIP de Carballedo con presenza de estudantes do CEIP de Tenorio.

Durante este evento realizábase unha representación  dramatizada sobre a vida de Antón Fraguas a cargo do alumnado. Ao acto asistían o presidente da RAG, Víctor Freixanes, e a académica Fina Casalderrey, ademais do presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela. Tamén se proxectaba un vídeo elaborado por estudantes de quinto e sexto de primaria con técnica stop motion. 

Freixanes afirmou que desde a institución que preside "procuramos elaborar propostas e iniciativas útiles para o ensino e para a dinamización cultural nestes niveis". Nesta presentación tamén se atopaba presente o sobriño de Antón Fraguas, que insistiu no papel do profesorado e das familias para transmitir o legado da cultura ás novas xeracións.