Os pontevedreses José Luis Rodríguez e David Quiñones, galardoados nos Premios Antonio Fraguas

Pontevedra
20 de decembro 2016

Estes dous integrantes das agrupacións folclóricas Os de Algures e de Celme foron premiados nesta edición polos seus traballos de investigación sobre os traxes tradicionais galegos

Entrega dos premios Antonio Fraguas de investigación do traxe galego 2016 Celme / Os de Algures

Os pontevedreses José Luis Rodríguez e David Quiñones, integrantes das agrupacións Os de Algures e Celme respectivamente, recibiron un galardón na XXII edición dos Premios Antonio Fraguas de investigación sobre o traxe tradicional galego. A entrega realizouse nun acto presidido polo alcalde de Santiago Martiño Noriega no Salón Nobre do Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela.

José Luis Rodríguez é fundador da Asociación Gaiteiros Os de Algures, enxeñeiro agrónomo de carreira e profesor de secundaria de profesión, lograba o premio na categoría de traballos analíticos polo seu estudo sobre Carlos Sobrino e os traxes na Boa Vila. Neste estudo analiza a presenza da vestimenta tradicional na pintura de Sobrino, ofrecendo unha descrición detallada dos traxes e mostrando as reproducións actuais destas vestimentas.

David Quiñones, membro da Agrupación Folklórica Celme é veterinario clínico de profesión e obtivo o galardón na categoría de traballos descritivos por 'Remexendo nas arcas de leiro: historia e reprodución dun traxe tradicional'. Neste estudo presenta a recollida dun traxe antigo no concello ourensán de Leiro. A través do seu proxecto analiza as orixes, as pezas e presenta os patróns e a reprodución fidedigna actual.

Ambos son creadores e promotores do desfile-musical sobre os traxes das obras de Castelao que se ofrecía o pasado sábado no Teatro Principal.

Os premios de investigación Antonio Fraguas naceron en 1995. Na presente edición, o xurado estaba formado por Ana Branco Gómez, integrante da Fundación Rosalía de Castro; Xosé Manuel González Reboredo, do Padroado do Museo do Pobo Galego e Xesús Ferro Ruibal, do centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os premios contan cun gran prestixio dentro do mundo da indumentaria tradicional. Nesta ocasión, o xurado destacaba no acta a calidade dos traballos presentados, recomendando a súa posterior publicación.