Óscar Ibáñez levará “Tribal” ao escenario de Vilanova de Tenorio este sábado

Cerdedo Cotobade
14 de agosto 2025
Actualizado: 12:57

O concerto, dentro do ciclo "Cerdedo‑Cotobade en Sons", comezará ás 22:30 e pechará unha xornada festiva con música e tradición

Concerto de Óscar Ibáñez & Tribo

O gaiteiro Óscar Ibáñez actúa en Vilanova de Tenorio este sábado 16 de agosto ás 22:30 horas co seu espectáculo "Tribal".

Trátase dunha cita musical anunciada polo Concello de Cerdedo‑Cotobade e pola Asociación Cultural de Vilanova de Tenorio no marco das festas en honra da Virxe da Fátima.

A programación da xornada combina proposta festiva e actos relixiosos: ás 10:00 horas comezará un pasacalles da Charanga Charandonga que percorrerá os lugares de Tenorio; ás 13:00 celebrarase a misa solemne e a procesión en honra da Virxe da Fátima; e, de seguido, a mesma Charanga animará a sesión vermú no recinto das festas.

Xa pola noite, antes do concerto principal, a Banda Escola Unión Musical de Tenorio ofrecerá un repertorio das pezas máis significativas a partir das 21:00 horas.

Tras a actuación de Óscar Ibáñez, a festa proseguirá coa sesión de Disco Móbil Chasis.

O evento está organizado pola Asociación Cultural de Vilanova de Tenorio, coa colaboración da Comunidade de Montes e o apoio institucional do Concello de Cerdedo‑Cotobade.

O concerto "Tribal" chega grazas ao patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra e á xestión do deputado provincial e alcalde de Cerdedo‑Cotobade, Jorge Cubela, quen participou na presentación do programa.