O parque do río Barosa acolle a reinterpretación da música de raíz de Xosé Lois Romero e Aliboria

Barro
25 de xullo 2026

O concerto, previsto para as 20.30 horas e con entrada libre, ofrecerá ao público unha proposta que combina a tradición musical galega con sons e linguaxes contemporáneas

Xosé Lois Romero e Aliboria Xosé Lois Romero e Aliboria

O Parque da Natureza do río Barosa, en Barro, acollerá este sábado, 25 de xullo, a actuación de Xosé Lois Romero e Aliboria.

O concerto, previsto para as 20.30 horas e con entrada libre, ofrecerá ao público unha proposta que combina a tradición musical galega con sons e linguaxes contemporáneas.

Considerados un dos proxectos máis innovadores da música de raíz en Galicia, Xosé Lois Romero e Aliboria construíron unha identidade propia a partir da recuperación do canto tradicional feminino e da percusión popular, elementos que mesturan con influencias da música de vangarda para crear un son persoal e recoñecible.

En Barro presentarán Latexo, un espectáculo no que o compoñente ritual e tribal convive cunha revisión actual da música folk galega.

A proposta afonda nas raíces da tradición oral e musical do país, pero faino cunha posta en escena contemporánea e unha sonoridade que transcende os formatos máis clásicos do xénero.

A cita forma parte da programación de +Música, un ciclo que levará ao longo deste ano 93 actuacións a 58 concellos pontevedreses de menos de 50.000 habitantes.

O obxectivo da iniciativa é facilitar que municipios de toda a provincia poidan incorporar concertos e espectáculos á súa oferta cultural, achegando a música en directo a públicos de diferentes comarcas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora