A noite do venres deixou en Pontevedra sons variados en tres puntos da cidade dentro da programación de Pontevedra Vívese nas Festas da Peregrina 2020.
A banda pontevedresa La Casa de los ingleses ofreceu o pop indie máis estimulante na praza da Ferrería ante numeroso público que segue a este grupo desde o seu primeiro traballo 'Punto de partida' e que levan unha década subíndose aos escenarios.
Na praza de España, á mesma hora, Pel e pau ofrecía un recital de música tradicional. Esta banda presenta o seu último traballo discográfico que leva por título 'Na beira'. A agrupación viguesa fixo vibrar os espectadores que mantiveron as estritas medidas de distanciamento e seguridade sanitaria.
Nas pistas de Campolongo, a actuación correu a cargo do compositor de Ourense Emilio Rúa. Neste caso, a música máis intimista deste intérprete que gravou temas con artistas da talla de Pablo Milanés, Rozalén, Carlos Goñi, Solé Giménez ou a galega Rosa Cedrón congregou a pouco público nunha noite na que se notaba a baixada de temperaturas.
Este sábado 15, día festivo, continuarán os espectáculos infantís na Alameda con 'O Cardume' de Xarope Tulú na Alameda a partir das 19.30 horas e co Rei Midas no Parque de Amalia Álvarez a partir das 20.00 horas.
Os concertos desenvolveranse nos espazos habituais. Ás 22.00 horas comezará o de Moloch na praza da Ferrería, unha banda que realiza música progresiva e experimental. Ás 22.30 horas, o guitarrista Daniel Minimalia subirá ao escenario da praza de España ofrecendo temas do seu álbum 'Orixe', que foi candido aos premios Grammy latinos ao mellor disco instrumental.
E nas pistas de Campolongo, o artista galego Pablo Lesuit, un músico multi-instrumentista, cantante e compositor presentará os seus últimos temas ao público asistente neste tramo final da semana grande das Festas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.