Películas de Michelangelo Antonioni, Angela Schanelec e Pedro Costa para o novembro do Cineclube

Pontevedra
08 de novembro 2020

Cinco películas ofrecerá durante o mes de novembro o Cineclube Pontevedra aos seus espectadores habituais. Farao, ademais cunha novidade sobrevinda polas restricións da covid-19. Ao reducirse o aforo do Teatro Principal a trinta persoas tentarase desdobrar en dous pases cada unha das proxeccións previstas

Fotograma da película "Estaba na casa, pero..." de Angela Schanelec
Fotograma da película "Estaba na casa, pero..." de Angela Schanelec / Cineclube Pontevedra

Cinco películas ofrecerá durante o mes de novembro o Cineclube Pontevedra aos seus espectadores habituais. Farao, ademais cunha novidade sobrevinda polas restricións da covid-19. Ao reducirse o aforo do Teatro Principal a trinta persoas tentarase desdobrar en dous pases cada unha das proxeccións previstas.

O protagonista das sesións dos martes será o director italiano Michelangelo Antonioni, do que se proxectará a coñecida como triloxía da incomunicación, composta polas películas A aventura, A noite e A eclipse.

En La aventura, que se proxectará o martes 10 ás oito da tarde e o venres 13 ás once da mañá, Antonioni conta a historia de Anna (Lea Massari), que desaparece sen deixar rastro durante unha viaxe en barco polo Mediterráneo. A súa parella (Gabriele Ferzetti) e a súa mellor amiga (Monica Vitti) buscarana sen éxito e vense inmersos na súa propia relación sentimental.

A noite, que se verá o martes 17 ás 20.00 horas, está protagonizada por Giovanni (Marcelo Mastroianni), un escritor que antes de asistir á presentación da súa última novela acode xunto á súa muller (Jeanne Moreau) a visitar a un amigo moribundo (Bernhard Wicki). Este encontro revoluciona a relación da parella.

A triloxía péchase o martes 24, tamén ás oito, con A eclipse. Nela, Vittoria (Monica Vitti) tras discutir co seu noivo (Francisco Rabal) coñece a outro home (Alain Delon), un sedutor corredor de bolsa co que manterá un tórrido romance.

As novas películas da realizadora alemá Angela Schanelec e do portugués Pedro Costa, ambas as dúas estreadas en 2020, proxectaranse os dous luns de filmoteca previstos para este mes, en versión orixinal subtitulada en galego grazas á colaboración do CGAI.

O luns 9 (20.30 horas) e o mércores 11 (11.00 horas) poderase ver Estaba na casa, pero..., película na que Angela Schanelec narra a historia dunha muller que, tras a morte do seu marido, un famoso director de teatro, tenta recuperar a súa vida e superar a súa ausencia.

En Vitalina Varela, que se exhibirá o luns 23 ás oito da tarde, Pedro Costa presenta a unha muller, campesiña en Cabo Verde, que aterra en Lisboa tras o funeral do seu marido. Ninguén a coñece nin a consola. Na cidade descubrirá a vida secreta do seu esposo.