O coñecido actor e humorista galego Pepo Suevos presentará o vindeiro venres 8 de agosto, ao pé das fervenzas de Barosa, ás 21:00 horas, o seu espectáculo 'A xira do cuarto de século'.
O Concello de Barro acollerá unha nova cita co humor dentro da programación cultural de verán #ConBdeBarro desta volta, celebrando os 25 anos de Pepo Suevos enriba dos escenarios.
A entrada será libre e a actividade está pensada para todos os públicos, nun formato ao aire libre e nun contorno natural privilexiado como é a Ría Barosa.
O concelleiro de Cultura, Adrián Silva Magdalena, anima a veciñanza e a visitantes "a gozar dunha noite de risas con Pepo Suevos, un dos grandes referentes do humor galego, que conta cunha ampla traxectoria enriba dos escenarios".
O responsable da área de Cultura, Adrián Silva, afirmou que "desde o Concello de Barro apostamos por unha programación cultural variada, feita con calidade, pensada para todos os públicos e que poña en valor os nosos espazos".
"Un dos nosos obxectivos é crear unha axenda cultural propia, para que a xente de Barro poida gozar de espectáculos e propostas de primeira calidade sen ter que desprazarse a outros concellos", engadiu o concelleiro de Cultura.
Esta actuación ten como obxectivo achegar actividades culturais á veciñanza, promovendo o uso do galego e a dinamización dos espazos públicos.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora co Concello de Barro na programación desta actividade.