A corporación municipal de Barro aprobou este mércores unha moción do grupo socialista en demanda da cobertura sanitaria no Centro de saúde.
A moción, defendida pola concelleira de Benestar Lia Rodríguez, saiu adiante cos votos favorables dos dous grupos de goberno, PSdeG-PSOE e BNG, e a abstención de Xuntos e PP.
A iniciativa reclama ao Sergas e á Consellería de Sanidade que se garanta por lei que se atendan as consultas en atención primaria nun máximo de 48 horas. Unha medida que xa foi presentada no Parlamento galego polos deputados do PSdG e foi rexeitada polo Partido Popular.
Noutro dos puntos da moción esíxese ao Sergas e a Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra que se manteña "ao cen por cen" a cobertura médica no Centro de saúde de Barro "e non como está pasando agora que hai demoras de entre dez e quince días para ser atendido", explica o tenente de alcalde de Barro, José Sanmartín.
Afirma que esta situación complícase porque só hai un facultativo con ampliación de horas, "e non sempre", e lembra que todavía non se cubriu a plaza da doutora xubilada recentemente.
"Xa ten habido días sen médico e hai moitas posibilidades de que en agosto estemos sen ningún facultativo algúns días", apuntou Sanmartín.
A todo isto sumou a falta do pediatra cuxo servizo está sendo atendido por un médico puericultor.