O Sergas tramita a oferta da praza dun facultativo do centro de saúde de Barro que cesará por xubilación

Barro
02 de xullo 2025
Actualizado: 17:53

A administración sanitaria pública galega dará continuidade profesional e asistencial ao cupo de pacientes deste facultativo no Concello de Barro

Xosé Manuel Fernández Abraldes, José Flores e Itziar Melendo
Xosé Manuel Fernández Abraldes, José Flores e Itziar Melendo /

O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, e a directora de Atención Primaria da Área Sanitaria, Itziar Melendo, mantiveron este mércores no hospital Provincial do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra unha xuntanza técnica co alcalde do Concello de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes.

Neste encontro repasaron as coberturas sanitarias de Atención Primaria para a poboación desta localidade.

José Flores confirmou ao alcalde que o Sergas xa comezou as xestións administrativas para ofertar con estabilidade contractual a praza para sustituir a un facultativo de Medicina Familiar e Comunitaria que cesará a súa actividade asistencial no centro de saúde de Barro pola súa próxima xubilación.

Deste xeito, a administración sanitaria pública galega dará continuidade profesional e asistencial ao cupo de pacientes deste facultativo no Concello de Barro.

Noutra orde de temas tratados no encontro desta mañá no Hospital Provincial, o xerente sinalou ao alcalde de Barro que continúa evolucionando o proxecto para o novo centro de Atención Primaria neste concello.

O plan funcional contempla catro consultas de adultos, unha sala polivalente, unha sala de toma de mostras, área de pediatría con dúas consultas e unha consulta de matrona.

Ambos responsables destacaron a mellora de espazos que suporá, con respecto ao actual centro, o incremento nunha sala polivalente, unha consulta de enfermería pediátrica e unha sala de xuntas para o persoal, así coma dispoñer dunha área da muller cunha consulta de matrona.

Este plan aportará un edificio duns 800 metros cadrados, espazos que duplican a superficie do actual centro de saúde de Barro.