Nace "Comta Salud": unha nova ferramenta para loitar contra a desinformación sanitaria

Pontevedra
13 de xuño 2025

Especialistas de Dixestivo e Endocrinoloxía do CHUP na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés lanzan un proxecto que ofrece información médica fiable e accesible para todos os públicos

Presentación do proxecto de divulgación científica Comta Salud
Presentación do proxecto de divulgación científica Comta Salud /

O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés presentou o xoves, coincidindo co Día Internacional da Esteatose Hepática, o proxecto de divulgación científica "Comta Salud".

Esta iniciativa, promovida polo grupo de investigación IDARA do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, nace como un repositorio de información sanitaria validada por profesionais e adaptada a calquera persoa.

O proxecto, presentado nos centros de saúde de Lérez e Virxe Peregrina de Pontevedra, ofrece recursos educativos verificados por sanitarios a través da páxina web www.comtasalud.es, así como en formato papel e vídeo.

Unha das características máis salientables é a súa accesibilidade universal, estando dispoñible en galego, castelán e inglés, e adaptada a persoas con diversidade intelectual mediante pictogramas do Centro Aragonés para a Comunicación Aumentativa e Alternativa (ARASAAC).

"As patoloxías endocrinas e dixestivas están moi vinculadas, e a abordaxe dende o punto de vista da educación ao paciente é clave, en especial, naquelas coma o fígado graxo ou a diabetes tipo 2, na que o cambio de hábitos de vida é crucial", explica o doutor Pablo Fernández Catalina, xefe de Servizo de Endocrinoloxía do CHUP e un dos impulsores da iniciativa.

Pola súa banda, o doutor Juan Turnes Vázquez, xefe de Servizo de Dixestivo, salienta a necesidade de combater a desinformación: "En redes, hai quen recomenda deixar de tomar tratamentos médicos, ou quen incluso incita aos seus seguidores a tomar supostos remedios que poden ser moi perigosos, especialmente en enfermidades estigmatizadas, coma obesidade ou as doenzas hepáticas".

Esta iniciativa é unha extensión do proxecto AICOMTA, un sistema de apoio á toma de decisións médicas con Intelixencia Artificial que recibiu o premio E-nnova Health 2024.

Mentres AICOMTA axuda aos médicos a resolver dúbidas clínicas, "Comta Salud" permite trasladar esa información validada directamente aos pacientes.

Proxecto de divulgación científica Comta Salud en plataformas
Proxecto de divulgación científica Comta Salud en plataformasÁrea sanitaria de Pontevedra-O Salnés

O proxecto, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología e do Plan Social ENCE, tamén está presente en Instagram, Facebook, Youtube e X (@ComtaSalud). Nos próximos meses incorporará novos contidos sobre enfermidades, preparación para probas médicas e consellos de saúde.