A área sanitaria garante que o 100% das camas nos hospitais estarán "dispoñibles" durante o verán

Pontevedra
10 de xuño 2025

O plan de adecuación de recursos asistenciais programado para os meses estivais estima unha utilización dun 90% destas camas de hospitalización nos centros hospitalarios de Pontevedra e O Salnés

Habitación do Hospital Montecelo
Habitación do Hospital Montecelo / Sergas

De cara ao inminente verán, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés asegura que manterá a dispoñibilidade do 100% das camas nos hospitais Provincial, Montecelo e O Salnés para dar resposta asistencial ante calquera necesidade.

O plan de adecuación de recursos asistenciais programado para os meses estivais estima unha utilización dun 90% destas camas de hospitalización en ambos distritos sanitarios.

Con ese nivel, a área sanitaria defende que estarán "aseguradas" as necesidades de cobertura asistencial de acordo coa previsión de demanda, efectuando unha utilización racional dos recursos.

A pesar diso, haberá un plan de continxencia específico no caso de que se precisara a utilización dun número de camas maior ao previsto.

Este plan activaríase no caso de que o número de pacientes pendentes de ingreso sen cama asignada nos servizos de urxencias hospitalarios se incrementara, repercutindo a ocupación global nos andares de hospitalización.

Desde o Servizo Galego de Saúde sinalan que a porcentaxe de ocupación de camas durante os meses do verán de 2024 acadou no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra un 78% en xullo, un 70% en agosto e un 70% en setembro.

Pola súa banda, no Hospital do Salnés acadouse nese período estival unha ocupación do 64% en xullo, un 58% en agosto e un 62% en setembro.

A área sanitaria xustifica este plan de adecuación estival pola coincidencia do período regulamentario no que a maioría de profesionais solicita o disfrute das súas vacacións e tamén pola diminución dos ingresos hospitalarios por procesos respiratorios.

O plan tamén posibilita que, ao longo dos meses de verán, se executen pequenas obras de mantemento e actuacións preventivas, reparadoras e de mellora en distintas unidades que durante outros momentos de maior ocupación sería máis complicado acometer.