Un total de 47 residentes finalizaron este curso a súa formación nos tres hospitais e na rede de Atención Primaria da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
Con motivo deste peche de ciclo formativo, este xoves celebrouse a despedida oficial da promoción 2024-2025 deste colectivo de residentes nun acto no Hospital Montecelo.
Destes 47 residentes, hai 15 médicos de familia, 18 médicos de especialidades hospitalarias, 1 psicólogo, 2 matronas, 8 enfermeiras de familia, 2 enfermeiras pediátricas e 1 enfermeira de saúde mental.
Así mesmo, os docentes invitaron a estes profesionais a continuar actualizando coñecementos para acadar unha maior calidade na actividade asistencial, mantendo a prioridade do benestar da poboación, aproveitando ao máximo os retos que a partires de agora terán no sistema sanitario público.
Este acto académico incluíu unha conferencia maxistral do xefe de sección de Psiquiatría do complexo hospitalario, o doutor José Blanco Lobeiras, que versou sobre "Equipo, liderazgo e saúde mental". O acto tamén contou co actuación da Coral Polifónica O Chopo.

MÓDULO DE HOSPITALIZACIÓN PENITENCIARIA
Por outra banda, este xoves o xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Flores Arias, acompañado do subdirector Jorge García-Borregón, tamén mantivo no hospital Provincial un encontro técnico de coordinación co comisario xefe do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Juan José Díaz e co inspector xefe provincial de operacións, Luís Morales.
Nesta xuntanza reeditáronse os protocolos de dispoñibilidade e colaboración conxunta, ademáis de analizar as vindeiras previsións de emprazamento do futuro módulo de hospitalización penitenciaria en Montecelo, cando se acometa a fase II de reforma do actual edificio sanitario público en Mourente.
Ese módulo de hospitalización penitenciaria terá a súa futura ubicación nun lugar axeitado do actual edificio hospitalario de Montecelo e disporá dunha zona independente dentro da área de hospitalización, axustada aos modelos recomendados polos especialistas nesta materia para "permitir a vixilancia sen interferir no hábitat dos enfermos, cumprindo escrupulosamente a normativa vixente, incluíndo a incorporación dunha zona para o persoal de vixilancia".
Actualmente está emprazado no Hospital Provincial e dotado con oito habitacións individuais onde se aloxan pacientes en réxime de reclusión.