A Asociación Veciñal e Cultural Salcedo Norte organizou este sábado, 13 de xuño, a décima edición do Roteiro Teatralizado e Musicalizado “Camiños”.
A actividade reuniu a un grupo de arredor de cincuenta persoas co obxectivo de divulgar a memoria colectiva, o patrimonio material e inmaterial da parroquia, así como a función das súas vías públicas como elementos de ligazón na vida social e cultural da contorna.
A comitiva iniciou a marcha na praza da estación de autobuses de Pontevedra para adentrarse en diferentes puntos do territorio de Salcedo, cunha primeira parada situada arredor do muíño do río Gafos.
Ao longo de todo o traxecto, desenvolvido baixo temperaturas elevadas, os asistentes seguiron as indicacións dunha guía profesional encargada de achegar as explicacións históricas.
Durante o percorrido aparecían diversos personaxes para recrear e explicar aos camiñantes a orixe de determinados costumes locais e a procedencia de denominacións xeográficas da zona, entre elas o nome do propio río Gafos.
As representacións e pezas escénicas contaron coa intervención de integrantes de diferentes colectivos artísticos como o Grupo de Teatro Salcedo Norte; Tramoias de Algures; Galidanza Teatro e Tarabelo
A ambientación musical do itinerario correu a cargo do Grupo Folk Os de Ningures, que ofreceu intervencións de música tradicional galega en diferentes paradas do percorrido para complementar as explicacións históricas e as actuacións dramáticas.