Vaipolorío rescata 500 palabras tradicionais recollidas en Salcedo e Tomeza

Pontevedra
13 de febreiro 2026
Actualizado: 10:20

O colectivo Vaipolorío editará en formato libro unha colección de vocábulos galegos recollidos por Pablo Carro Sobral, veciño de Tomeza e membro da asociación

Pablo Carro e Calros Solla
Pablo Carro e Calros Solla / Vaipolorío

A asociación cultural Vaipolorío vén de poñer en marcha un novo proxecto enmarcado no seu propósito fundacional de salvagarda, estudo, valorización e divulgación do patrimonio material e inmaterial do río dos Gafos.

A iniciativa céntrase nesta ocasión na recuperación e difusión do patrimonio lingüístico das parroquias pontevedresas de Salcedo e Tomeza.

O colectivo editará en formato libro unha colección de vocábulos galegos recollidos por Pablo Carro Sobral, veciño de Tomeza e membro da asociación.

Aos seus 85 anos, Carro decidiu hai un tempo iniciar a elaboración dunha listaxe de "palabras esquecidas", entendendo por tales aquelas voces e expresións que, ao seu xuízo, desapareceran ou estaban en risco de desaparecer da conversa cotiá.

O obxectivo desta iniciativa persoal era crear unha sorte de "arca" na que preservar do esquecemento este vocabulario tradicional.

A recolleita suma xa arredor de 500 termos, unha cifra que levou á directiva de Vaipolorío a considerar necesaria a súa publicación impresa, co fin de garantir a súa conservación e facilitar o seu acceso á cidadanía.

Segundo sinalan desde a entidade, a baixa frecuencia de uso, ou mesmo o desuso, dunha parte significativa das palabras recompiladas está relacionada co abandono progresivo das prácticas agrícolas e da forma de vida tradicional, xa que moitos dos termos fan referencia directa a estas actividades.

O proceso de selección, ordenamento e corrección do material conta coa colaboración do etnógrafo Calros Solla, quen participará na preparación dos contidos de cara á súa publicación definitiva.

O proxecto pretende contribuír á preservación da memoria lingüística e cultural vinculada ao territorio do río Gafos e ás comunidades que historicamente o habitaron.