Los Planetas e Joe Crepúsculo redondean a oferta musical do décimo Atlantic Fest

O Salnés
08 de maio 2026

Entre as últimas confirmacións deste Atlantic Fest 2026 figuran tamén a banda británica Shame, Aiko El Grupo, Alonso ou Grande Osso. O festival celebrarase do 17 ao 19 de xullo

Los Planetas Atlantic Fest

O idilio entre Los Planetas e o Atlantic Fest renóvase. A banda granadina repetirá un ano máis no festival, que celebrará a súa edición de 2026, na Praia da Concha de Vilagarcía de Arousa os días 17, 18 e 19 de xullo.

Jota e os seus, banda sonora imprescindible dentro do indie rock nacional, regresarán a Vilagarcía para celebrar trinta anos de carreira e repasar os seus grandes éxitos, desde os publicados no disco Super 8 até os que editaron en Las canciones del agua.

Xunto a eles estará tamén outro nome crave da música nacional, Joe Crepúsculo, que con traballos como Supercrepus ou Chill Out, logrou construír un cancionero único dentro do pop electrónico español.

Entre as últimas confirmacións deste Atlantic Fest 2026 figuran tamén a banda británica de punk-rock Shame, dúas propostas pop como Aiko El Grupo e Alonso ou Grande Osso, que fusiona diversos estilos, desde indie ao house ou do pop ao funk.

Completan así un cartel no que xa figuraban artistas da talla de Franz Ferdinand, Two Door Cinema Club, Carolina Durante, Nacho Vegas, Carlos Ares, Nadadora, Depresión Sonora e Triángulo de Amor Bizarro.

Os organizadores aproveitaron para adiantar a repartición por días dos concertos que animarán o festival no seu décimo aniversario.

Así, o venres 17, no recinto principal do festival, na Praia da Concha, o público poderá gozar de Two Door Cinema Club, Carolina Durante, Nadadora, Triángulo de Amor Bizarro e Grande Osso.

O sábado 18, pola súa banda, actuarán Franz Ferdinand, Nacho Vegas, Carlos Ares, Depresión Sonora, Shame, Alonso e, de novo, Grande Osso.

E xa o domingo 19, neste caso no escenario que estará situado na Praza do Castro, porán o broche de ouro ao festival Joe Crepúsculo e Aiko El Grupo.

As entradas de día atópanse xa á venda a un prezo de 50 euros ou os abonos, por agora, seguen a un prezo reducido de 80 euros.