A Agrupación Cultural O Facho leva operativa en prol da lingua e a cultura galega desde 1963. Anualmente convoca senllos premios de poesía e teatro e nesta última edición a gañadora do primeiro é a moza cambadesa Sofía Muñiz Somoza. Grazas a este galardón ve publicado o seu primeiro poemario: 'A autorización do centro da palabra'.
Un título, que como ela sinala no podcast 'Cara a cara', "é unha declaración de intencións" porque fai referencia "a todas esas escritoras galegas que marcaron a miña traxectoria, tanto persoal como artística. Mulleres como Xela Arias ou Luz Pozo Garza, por exemplo".
Mulleres tamén como as avoas, as súas propias avoas, ás que dedica algúns poemas deste libro e que recita para este programa.
As letras non son a única disciplina artística que practica, recoñécese afeccionada á fotografía e á pintura, coa que foi finalista en dúas ocasións da convocatoria Xuventude Crea que convoca o goberno autonómico; e tamén expuxo o ano pasado en Pontevedra a instancias da Deputación. De todas elas na poesía "é o ámbito no que sinto máis libre".
Chama a atención que a súa formación profesiona inicial estivese na sanidade, onde exerceu como enfermeira. Con todo decidiu pasarse ás Letras, "o que sabía que me ía a dar vida, que era o que quería". E seguiu estudando para ser profesora de galego, que é ao que se dedica actualmente en Secundaria.
Así, como coñecedora de primeira man dese mapa do uso do galego entre a poboación máis nova, responde respecto diso: " estou moi sorprendida porque practicamente a maioría non fala galego. É un dato estremecedor. Creo que hai diversos factores. Moitos en casa falan galego, e desde pequenos aprenden a falalo, pero non se que ocorre. Creo que a nivel social, cando empezan a xuntarse cos seus iguais, empezan a falar castelán".
Outro baleiro que identifica é a falta de conexión entre estes mozos e a poesía: "a narrativa parece que a collen con gusto, sobre todo si abordan temáticas que lles poidan interesar, pero a poesía e o teatro son eses dous ámbitos esquecidos que lles custa moitísimo entender", argumenta.
Nese punto, retoma a autora e os proxectos futuros porque mira cara á escritura de teatro "teño en mente escribir teatro, teatro infantil ou adolescente, porque creo que é un ámbito moi interesante". Iso si, sen deixar a poesía que retomou o pasado verán.