PODCAST. Laura Portas comeza ano coa publicación da súa segunda novela, 'El palacio del agua'

O Salnés
16 de xaneiro 2026
Actualizado: 10:09

A xornalista cambadesa debutou con 'El baile de las mareas' cuxa historia situou no seu municipio natal. Nesta segunda publicación leva a trama a Mondariz Balneario e os seus esplendorosos anos vinte do século pasado

Laura Portas Mónica Patxot

Laura Portas comezou 2026 coa publicación da súa segunda novela, 'El palacio del agua'. Unha novela que aúna xénero romático, aventura, intriga e tamén historia.

Si no seu debut literario situou 'El baile de las mareas' na súa localidade natal, Cambados, esta vez faio en Mondariz Balneario: "quería recuperar o esplendor que ten Mondariz e tamén facer unha homenaxe ao noso patrimonio galego", di a autora no podcast 'Cara a cara'.

O marco temporal son os anos vinte do século pasado, o momento de esplendor para o municipio pontevedrés que atraía até a provincia ás elites internacionais para beneficiarse das súas augas mineromedicinais.

Candela é a protagonista do relato, unha modaricense que comeza a traballar no Gran Hotel. Algunha morte violenta, uns misterioros achados, un pasado descoñecido e o amor de dous homes se aúnan na vida desta nova e na trama da novela.

A autora conxuga ficción e realidade: "ten moito de real porque eu estiven en Mondariz Balneario con veciños cuxos familiares tiñan fondas e que recibían a eses "agüistas". Eles contábanme esas historias que van pasando de xeración en xeración e que axudan tanto a humanizar os personaxes e a enriquecer a trama".

Así, 'El palacio del agua' retrata a oriúndos e visitantes daquel momento: "a diferenciación de clases sociais é algo que tamén tento reflectir moi ben na novela. Por unha banda temos eses hóspedes, esa riqueza intelectual, social e política que utilizaban Mondariz como punto de reunión; e todo o contrario, o servizo, esa Galicia rural que queda afastada dos muros do Gran Hotel".

Outra das dualidades que inclúe Portas son dous elementos fundamentais na historia: a auga e o lume, "interesábame moito traballar estes simbolismos na literatura porque a auga ten esa forma de canalizar emocións e o lume axúdache a rexurdilas", explica.

En palabras dos seus personaxes introduce os seus dous exercicios profesionais: "cando traballo como xornalista, é como contar a realidade cos ollos, e escribir é contar a túa verdade co corazón. Eu trataba un pouco de plasmar estas dúas facetas, o momento no que ti escribes unha noticia e o momento no que che enfrontas a ese papel en branco".

Na seguinte ligazón pódese escoitar a charla completa precedida dunha recreación sonora de 'El palacio del agua'.