Ponte Muíños, referencia para a música metal cun Tronko Fest comprometido contra Altri e o xenocidio en Gaza

Pontevedra
13 de xuño 2025
Actualizado: 13:09

Actuarán Crab Monsters, Guerrilla Urbana, Herr Container, Lenincat Maromaco, Matando Gratix, Mata-Ratos, Patada 87, The Self-Saboteurs e Txuvasko. A entrada a este festival é de balde

A banda canaria Guerrilla Urbana
A banda canaria Guerrilla Urbana / Guerrilla Urbana

Nove bandas de música metal participarán este sábado 14 de xuño na terceira edición do Tronko Fest, que volverá a converter o barrio de Ponte Muíños en toda unha referencia.

O festival, que comezará ás doce do mediodía, celebrarase no estacionamento situado na rúa Matos de Arango. Está organizado polo Tronko Bar, en colaboración co Concello de Pontevedra.

Nesta terceira edición participarán unha banda de Pontevedra, outras dúas galegas, dúas de Portugal, unha de Canarias, dúas de Madrid e unha de Extremadura.

Serán Crab Monsters, Guerrilla Urbana, Herr Container, Lenincat Maromaco, Matando Gratix, Mata-Ratos, Patada 87, The Self-Saboteurs e Txuvasko.

A entrada a este festival é de balde e, ademais, haberá churrasco e polbo para xantar.

Este terceiro Tronko Fest mostrará ademais a súa cara máis solidaria e reivindicativa porque, como aseguran os organizadores, "hai momentos nos que cómpre falar claro e este é un deles", xa que consideran que "é máis necesario ca nunca" un compromiso coa música, a terra e a dignidade.

Así, subliñan que se opoñen "frontalmente" á instalación da macrocelulosa de Altri no corazón de Galicia, unha "ameaza directa" ao futuro das xeracións directas. Denuncian que esta terra "leva décadas sendo esnaquizada por proxectos que non a entenden nin a respectan".

A isto suman que, ante a "barbarie" que está a acontecer en Gaza a cultura ten o deber de posicionarse porque "o silencio non é opción". Esixen o cesamento "inmediato" da violencia cara ao pobo palestino e que se respecte o seu dereito "a vivir en liberdade e con dignidade".

"O Tronkofest é ruído, si. Pero tamén é comunidade, memoria e insubmisión. Un lugar onde se xuntan bandas, ideas e afectos para lembrar que outro mundo é posible e que o punk e o hardcore seguen a ser ferramentas de loita", reivindican os organizadores.