Pontevedra acolle a estrea do documental '1846-Revolución Galega' de César Caramês

Pontevedra
09 de maio 2026

A proxección será o mércores 13 de maio no Salón de Actos do Pazo da Cultura. A estrea contará coa presentación da concelleira Eva Vilaverde e cun coloquio posterior con Caramês

Documental 1846-Revolución Galega
Documental 1846-Revolución Galega / Fundación Galiza Sempre

A Fundación Galicia Sempre estreará o vindeiro mércores 13 de maio no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra o documental '1846-Revolución Galega', dirixido por César Caramês.

A proxección, prevista para as 19.30 horas, formará parte dunha xornada de actos coa que se pretende difundir os acontecementos da revolución no ano en que se cumpren 180 anos.

A estrea contará coa presentación da concelleira Eva Vilaverde e cun coloquio posterior co director e estudioso da Revolución Galega, César Caramês.

O documental é froito de anos de investigación do profesor de lingua e literatura galega de Moraña, que traballou para rescatar un dos episodios máis importantes da historia contemporánea de Galicia.

Desde a Fundación Galicia Sempre subliñan que este labor se enmarca nunha liña de traballo destinada a sacar do esquecemento esta parte da historia galega. Nos últimos anos, xa impulsaron outras iniciativas dentro da colección 'Efemérides da Galicia', como o monográfico editado en 2021 polo 175 aniversario dos Mártires de Carral, ou a publicación dedicada en 2022 a Antolín Faraldo.

Agora, con motivo do 180 aniversario da Revolución Galega, a fundación suma a ese traballo a edición dunha nova entrega da colección e a difusión do documental. Ademais, xunto ao editorial Tempo Galiza, impulsaron unha edición facsimilar completa do xornal 'El Porvenir', publicada por primeira vez na súa integridade.

O documental reúne a 17 especialistas de diferentes ámbitos para analizar os feitos e o seu contexto desde perspectivas como a economía, a literatura, a antropoloxía, a política, o xénero, a sociología, a relixión e a historia contemporánea.

Entre eles figuran Carlos Callón, Ascensión Cambrón, Camilo J. Cortizo, Uxío Breogán Diéguez-Cequiel, Isidro Dubert, Eliseo Fernández, Manuel Gago, Xurxo Martínez, Francisco Prieto, Juan Renales, Henrique do Río, Francisco Rodríguez, Antom Santos, Goretti Sanmartín, Iria Taibo, Marga do Val e X. Ramón Veiga.

Tras a súa estrea en Pontevedra, a xira de presentacións continuará este mes de maio na Guarda (martes 26), Nigrán (xoves 28), Viveiro (venres 29) e en Outeiro de Rei (sábado 30)