Pontevedra celebra a apertura da Bienal tras "15 anos de silencio" e aposta pola súa continuidade

Pontevedra
21 de xuño 2025

"Xa estamos a traballar na do 27", asegurou na súa inauguración o director da Bienal de Arte de Pontevedra e vicepresidente provincial, Rafa Domínguez

Inauguración oficial da 32ª Bienal de Arte de Pontevedra
Inauguración oficial da 32ª Bienal de Arte de Pontevedra / Cristina Saiz

Repleto de autoridades, personalidades do mundo da cultura e amantes da arte. Así se inaugurou oficialmente este sábado a 32 Bienal de Arte de Pontevedra, nun acto celebrado na entrada do Edificio Castelao do Museo.

Tras moitos anos de ausencia, Pontevedra celebra a recuperación da súa Bienal, e faio mesmo mirando ao futuro "despois de 15 anos de silencio".

"Fai 15 anos foi un fracaso colectivo a perda desta Bienal, agora teño aquí a responsables dos tres partidos políticos e as tres administracións e quero arrincarlles o compromiso de que esta Bienal ten e vén con vocación de permanencia, porque xa estamos a traballar na do 27", asegurou na inauguración o director da Bienal de Arte de Pontevedra e vicepresidente provincial, Rafa Domínguez.

No que respecta á edición que se acaba de abrir, até o 30 de setembro poderá gozarse en diferentes puntos de Pontevedra de 400 obras de 60 artistas de 28 nacionalidades. "Máis da metade deles participaron na Bienal de Venecia e algún a gañou", sinalou Domínguez como exemplo do gran nivel da mostra.

Unha proposta "valente e comprometida co presente", afirmou pola súa banda a directora do Museo, Ángeles Tilve, e é que tal e como se encargou de lembrar un dos comisarios da Bienal, Antón Castro, "a arte é algo que se compromete co mundo que está vivindo, e a preocupación máis vixente do mundo actual son as guerras". De aí o título principal da Bienal de Arte: 'Volver a ser humanos'.

"Recuperar o latexo da Bienal de Arte de Pontevedra é unha maneira de aproximarse á realidade dende a ollada de artistas chegados de todo o mundo", celebrou na súa intervención o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

E é que, tal e como sinalaba o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, "a arte non está para dar respostas, está para facer preguntas".

En difinitiva, como quixo destacar o presidente da Deputación, Luís López, poder contar con tantos artistas internacionais de recoñecido prestixio fará que "durante todo o verán esta cidade sexa o maior museo de arte contemporánea do mundo".

 

Arquivado en