'Pontevedra (d)escrita' preséntase como unha iniciativa que busca achegar á cidadanía a riqueza literaria da cidade a través dun ambicioso proxecto que inclúe un mapa literario tanto en formato impreso como dixital, así como unha serie de paseos guiados para coñecer a cidade dende unha perspectiva literaria.
Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura, explicou durante a presentación que este proxecto "é unha nova ollada sobre Pontevedra, unha ollada que reúne a visión de moitísimas autoras e autores que escolleron Pontevedra para crear ou que foi onde crearon".
O edil destacou que 'Pontevedra (d)escrita' "acontece tanto nas redes como na realidade física, no paseo, nas rúas da cidade, como dentro da nosa imaxinación e dos nosos sentimentos".
Segundo indicou o responsable municipal, o proxecto pretende recoller toda a creación literaria que versa sobre Pontevedra ou que se fixo na cidade, e para iso creouse a páxina web que recolle un mapa con diferentes percorridos literarios, biografías de autores e autoras, obras e espazos de creación.
"Queremos que aparezan as visións que noutros tempos houbo de Pontevedra e queremos que estean as visións actuais e as que aínda están por chegar. Por iso, podemos atoparnos no proxecto a Paz Andrade ou a Tamara Andrés", indicou Gómez, quen subliñou que o obxectivo é "convidar a descubrir a cidade desde a perspectiva das autoras e autores e das súas obras".
Óscar Senra, integrante de Maos Innovación Social, cooperativa encargada de desenvolver parte do proxecto, detallou que o mapa impreso recolle 35 elementos "para facelo manexable", mentres que na versión web pódense consultar ata "73 autorías e 55 obras, que van desde 'A Gaita gallega' de 1853, de Xoán Manuel Pintos, a obras máis recentes como 'A Muller Xabaril', de Fina Casalderrey".
A web inclúe tanto narrativa como poesía, literatura infantil e xuvenil e banda deseñada, ademais de dezanove espazos vinculados ao mundo literario.
Senra destacou que estas cifras "son as de hoxe, pero isto vai ir medrando, porque a literatura, por sorte, nunca para". Neste sentido, animou á cidadanía a participar no proxecto a través do correo electrónico [email protected], para propoñer obras que consideren que deberían estar reflectidas na web.
PASEOS LITERARIOS GUIADOS
Como parte das actividades de 'Pontevedra (d)escrita', organizaranse dous paseos guiados. O primeiro deles, 'Pontevedra Poética', acaba de abrir o prazo de inscrición e ofrecerá tres sesións: o 21 de xuño (ás 11:00 e ás 19:00 horas) e o 4 de xullo (ás 19:00 horas).
Este percorrido, dunha hora e media de duración, propón un paseo pola cidade centrado na creación poética en lingua galega, comezando polo trobador Paio Gómez Chariño (século XIII) e incluíndo figuras como Sarmiento, Amado Carballo, Aurora Vidal, Filomena Dato ou Francisco Cortegoso, entre outros, sen esquecer a pegada da poesía oral popular.
O paseo conta con nove paradas e está deseñado para ser "moi divulgativo", segundo Senra, para que poida gozalo tanto o público que non coñece a relación entre literatura e Pontevedra como persoas con coñecementos especializados. Recoméndase para un público a partir dos 16 anos e as inscricións poden realizarse a través da web apuntate.pontevedra.gal.
Cada sesión terá un máximo de 30 participantes e contará con radioguías para facilitar a audición, especialmente nas zonas da cidade con maior tránsito.
"Mostraremos algunhas imaxes para contextualizarnos mellor na época e mesmo escoitaremos algúns audios polo camiño", adiantou Senra.
Para o mes de novembro está previsto un segundo paseo específico que relacionará Pontevedra co exilio e a literatura, "a literatura como ponte entre Pontevedra e o exilio para dar a coñecer ese feito histórico", explicou Senra.