A música galega xa quenta motores para unha nova edición da súa gran festa anual. A Sala Riquela foi escenario este mércores da presentación da décimo terceira edición dos Premios Martín Códax da Música, organizados pola asociación Músicas ao Vivo co respaldo de Bodegas Martín Códax, a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra.
No acto participaron a presidenta de Músicas ao Vivo, Sheila Patricia, e o vicepresidente, Xavi Castro, acompañados por representantes das entidades colaboradoras, que coincidiron en salientar o papel destes galardóns como escaparate da diversidade e da forza creativa do país.
A edición de 2026 manterá 15 categorías musicais que abranguen practicamente todo o espectro sonoro galego: do pop ao metal, da música tradicional á electrónica, pasando polo jazz, o folk, as músicas urbanas ou a clásica contemporánea. Un abano que reflicte a pluralidade dun sector que medra e se profesionaliza cada ano.
A convocatoria está aberta a proxectos galegos en activo durante 2026, tanto radicados en Galicia como desenvolvidos fóra pero con liderado artístico galego. Tamén poderán concorrer formacións de fóra que empreguen o galego ou traballen coa música de raíz do país. Non será imprescindible ter publicado disco recente, aínda que se valorará a traxectoria e a actividade acreditable, desde concertos ata lanzamentos audiovisuais.
Entre as categorías especiais, regresará o premio a Artista Emerxente, centrado en proxectos novos con menos de tres anos de vida, e entregaranse tamén os Premios Organistrum, que recoñecen o labor de salas, festivais e medios de comunicación musical. A maiores, haberá un Premio Honorífico Músicas ao Vivo para distinguir unha carreira de especial relevancia.
En total, 48 proxectos chegarán á fase final e 20 subirán ao escenario para recoller galardón na gala.
O prazo de inscricións abrirase do 2 ao 22 de marzo a través da web oficial. A primeira fase de votación, a cargo dun xurado profesional, desenvolverase entre o 30 de marzo e o 24 de abril. O 6 de maio celebrarase a tradicional Festa de Finalistas nas instalacións de Martín Códax.
A segunda fase, que combina o voto do público e das persoas asociadas á entidade co do xurado —cunha ponderación do 50 % para cada parte— terá lugar do 7 ao 24 de maio. A culminación chegará o 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra, escenario da gala final, que tamén poderá seguirse en directo a través da plataforma agalega.gal e da canle de YouTube de Músicas ao Vivo.
Durante a presentación púxose de manifesto a importancia da colaboración público-privada para consolidar o proxecto. Desde as entidades patrocinadoras subliñouse que os premios non só recoñecen talento, senón que tamén fortalecen o tecido profesional e amplían a proxección exterior da música galega.
Sheila Patricia destacou ademais que esta edición, coincidindo co número 13, quere render homenaxe ao patrimonio inmaterial ligado ás lendas e ao imaxinario pagán, elementos que forman parte da identidade cultural galega, segundo sinalou.