Pontevedra terá unha 'oficina de cinema' como intermediaria entre produtoras e provedores locais

Pontevedra
19 de outubro 2025

O obxectivo é axudar as "cada vez máis" rodaxes que se rexistran en Pontevedra e poder canalizar "o que eles necesitan e o que nós podemos ofrecer", segundo explica a edil Anabel Gulías

Rodaxe na Ferrería Pablo Ajuria / Brais Porto

A Boa Vila, desde hai anos, converteuse en escenario habitual para rodaxes de series e películas de todo tipo, unha actividade que o Concello quere seguir promocionando no futuro.

Por iso é polo que, co obxectivo de ser "moi prácticos e moi áxiles" á hora de contribuír a que estas gravacións sigan chegando á cidade, decidiran porse mans á obra.

Será grazas ao traballo da Oficina de Cinema de Pontevedra, á fronte da cal estará o director e guionista Miguel López, o coordinador da antiga Pontevedra Filme Commission.

A edil responsable da área de promoción económica e turismo, Anabel Gulías, adiantou a PontevedraViva que o traballo desta oficina coordinarase a través dun novo portal web.

O obxectivo é axudar as "cada vez máis" rodaxes que se rexistran en Pontevedra e poder canalizar "o que eles necesitan e o que nós podemos ofrecer".

Un dos eixos deste traballo será ofrecer un catálogo de recursos para que as produtoras poidan atopar "facilmente" desde unha listaxe de posibles localizacións até unha "memoria histórica" de todas as gravacións que se fixeron na cidade.

Ademais, incluirase unha relación de empresas e provedores locais "cos que traballamos e cos que temos moito feedback" para poder cubrir as necesidades dos cineastas.

"Estará aberto a todos e a xente vai a poder seguir anotando as súas empresas de servizos", explica Gulías sobre esta guía de colaboradores para posibles rodaxes.

Á fronte desta oficina estará unha persoa, Miguel López, da que a concelleira nacionalista destacou que ten "moita experiencia" en rodaxes e que traballará para "facilitar toda a burocracia" e a tramitación que deban realizar estas produtoras.

Entende o goberno municipal que, poñendo todas estas facilidades, "resultará moito máis doado" atraer a Pontevedra proxectos audiovisuais "xa que hai unha persoa que se encarga de todo", actuando como intermediario entre ambas as partes.

Para Anabel Gulías, Pontevedra "xa non está no momento de captar" rodaxes, xa que todo o traballo previo dos últimos anos "deu os seus froitos", senón que é hora de "perfeccionar e mellorar" na atención ás produtoras "buscando todo o que necesitan".

As chamadas de produtoras están a ser "continuas", segundo Gulías, e a intención do Concello é axudar a xestionar "todas esas cousas que teñen menos brillo", como permisos de rodaxe ou a procura de colaboradores, "pero que son moi necesarias para que a produción saia ben".