Os primeiros equipos da serie Un asunto privado, que Bambú Producciones rodará en Pontevedra para Amazon Prime, prevén chegar á cidade nas próximas horas para comezar a preparar todos os detalles necesarios para iniciar a gravación.
A rodaxe desta serie protagonizada por Aura Garrido e o actor francés Jean Reno, noticia adiantada o pasado sábado por PontevedraViva, causou un enorme balbordo na cidade.
Os responsables desta produción, que se verá en máis de 240 países de todo o mundo, prevén gravar parte da serie no centro histórico de Pontevedra. Entre os escenarios elixidos están a Praza da Ferrería ou a Rúa Serra, nas inmediacións do mercado.
Para que Pontevedra poida acoller esta rodaxe, o Concello preparou un amplo dispositivo, coordinado polas concellerías de Promoción económica, Mantemento de espazos públicos e Seguridade Cidadá, para cubrir todas as necesidades de produción.
"Todo o que sexa promocionar Pontevedra é bo", sinalou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, sobre a importancia de que a cidade acolla unha rodaxe destas características que, ademais, obrigará a facer un esforzo aos servizos municipais.
Trátase, segundo Gulías, dunha rodaxe "ambiciosa" que ao desenvolverse no centro histórico necesitará dun dispositivo "específico", xa que está previsto a entrada de vehículos de alta tonelaxe ou a instalación de carpas para os equipos de gravación.
"É un desafío tamén para nós e temos por diante un reto espectacular", engadiu a edil.