Pontevedra reivindica a Ricardo Portela como "mestre de mestres" no centenario do seu nacemento

Pontevedra
04 de novembro 2020

Con motivo do centenario do seu nacemento, Pontevedra acolleu organizou unha sentida homenaxe, limitada polas restricións da covid-19, fronte á casa na que o artista viviu, na Rúa Laranxo. "El estaría moi orgulloso vendo que o seu amor pola gaita medrou en Galicia ao longo do tempo", sinalou o seu neto

Homenaxea en Pontevedra a Ricardo Portela polo centenario do seu nacemento
Homenaxea en Pontevedra a Ricardo Portela polo centenario do seu nacemento / Mónica Patxot

Hai xusto cen anos, o 4 de novembro de 1920, nacía Ricardo Portela. Foi, sen dúbida, o gran transmisor dunha tradición musical, a da gaita galega, que pasou grazas ao seu incansable e apaixonado esforzo, de ser considerado un instrumento popular e humilde a materia de estudo, mostrando o seu gran valor artístico, cultural e identitario para Galicia.

Con motivo do centenario do seu nacemento, Pontevedra acolleu unha sentida homenaxe, limitada polas restricións da covid-19, fronte á casa na que o artista viviu, na Rúa Laranxo, ante a cal se depositou un ramo de flores.

"El estaría moi orgulloso vendo que o seu amor pola gaita medrou en Galicia ao longo do tempo", sinalou Gonzalo Lorenzo Portela, neto do homenaxeado, que agradeceu en nome de toda a súa familia este recordo ao seu avó.

Xoan López, membro fundador do grupo Treixadura, asegurou que celebrar esta efeméride é "especialmente emocionante" para el, que mantivo un estreito contacto con Ricardo Portela. "Para min era un ídolo", lembrou.

"Tocaba como falaba", apuntou o artista, que destacou o "aire de certa solemnidade" coa que Portela manexaba sempre a gaita, facendo gala de "moito pouso e tranquilidade".

Na súa intervención, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou que "non pode haber mellor indicador de inmortalidade que o de ser mestre de mestres", como demostra o sinal que o 'gaiteiro de Viascón' deixou en posteriores xeracións. 

Fernández Lores reivindicou o "papel fundamental" de Ricardo Portela no estudo, perfeccionamento e "dignificación" da gaita galega, xunto cunha forma diferenciada de tocar "propia no noso país" e que, engadiu, "é a expresión da alma galega".

O acto concluíu coa interpretación a gaita, por parte de Óscar Ibáñez e respectando o estilo 'portelano', dun dos temas máis coñecidos de Ricardo Portela, Aires de Pontevedra.

Esa canción, segundo Eduardo Esteban, o iniciador do Memorial Ricardo Portela, "fixo de Pontevedra un referente" e contribuíu a "situar a cidade non mundo".