"Pontevedra Rodando" achega o mundo audiovisual a cidadáns de todas as idades

Pontevedra
03 de abril 2018

A iniciativa está realizada en colaboración coa produtora "Volvemos a primeira", e chega á súa segunda edición este 2018 co obxectivo de ensinar a xente de todas as idades o proceso de rodaxe dunha peza audiovisual

Anabel Gulías e Pablo Cacheda presentan 'Pontevedra Rodando' Mónica Patxot

A segunda edición de 'Pontevedra Rodando' chegará este mes de maio á cidade. A iniciativa ten como obxectivo o achegamento do proceso de rodaxe dunha peza audivisual a persoas con interese neste campo pero sen experiencia. Os talleres son organizados polo Concello de Pontevedra en colaboración coa produtora 'Volvemos a Primeira'.

'Pontevedra Rodando' desenvolverase ao longo de sete xornadas durante o mes de maio, nas que persoas entre os 13 e os 90 anos aprenderán as reviravoltas da rodaxe dunha película curta. Durante a duración do taller os participantes recibirán leccións por parte de membros do sector audiovisual como o actor Santiago Romay ou o sonidista Pablo Viña para finalmente levar a cabo a gravación dunha curtametraxe.

A temática escollida para as curtametraxes este ano é libre, aínda que todos deben ter en común a utilización da cidade como escenario para as obras. A oranización augura repetir os números da primeira edición, na que houbo 20 persoas apuntadas e realizáronse tres curtametraxes que xa están dispoñibles na canle de YouTube de 'Volvemos a Primera', como "O peregrino".

A inscrición pode realizarse de maneira gratuíta a través dun correo electrónico á dirección volvemosaprimeraproducciones@gmail.com ata o día 30 de abril ou na Casa da Luz de Pontevedra.