Pontevedra soa en feminino

Pontevedra
09 de agosto 2022

Guadi Galego meteu este luns no peto ao público da praza da Ferrería. Chegou á emblemática praza na que era xa a terceira xornada do ciclo 'Con voz de muller'. Antes, para abrir apetito Brassica Rapa sorprendeu aos paseantes cun animado pasarrúas co ton festivo e metálico das brass bands norteamericanas

Pasarrúas de Brassica Rape no ciclo Con Voz de Muller Cristina Saiz

Guadi Galego meteu este luns no peto ao público da praza da Ferrería. Chegou á emblemática praza na que era xa a terceira xornada do ciclo 'Con voz de muller' e foi digna embaixadora dos obxectivos que busca o Concello de Pontevedra con esta iniciativa, reivindica o talento feminino e a capacidade creativa das mulleres. 

A cantante é xa unha vella coñecida dos escenarios pontevedreses, pero non por iso a súa presenza foi menos agardada. Referente da música galega actual, a súa voz e un talento congregaron un público numeroso na praza da Ferrera, que puido gozar de tema dos seus cinco discos en solitario. 

Este ciclo trae a Pontevedra o mellor do talento feminino tanto do país como internacional e coa súa presenza demostrou que en Galicia hai moito. Este martes, ademais, tomaralle o relevo outro grupo galego, De Vacas

As súas versións, o seu humor e o seu xeito de facer súa calquera canción que soa nalgunha radio do mundo son xa garantía de éxito alá onde van e chegan a Pontevedra dentro do seu seu Tour Vacanal 2022, unha revisión do seu repertorio e unha nova oportunidade de conectar coas súas voces e coa súa proposta interxeracional. 

Antes de Guadi Galego, durante a fin de semana subiron ao escenario da praza da Ferraría a cantante caboverdiana Lucibela, coa súa mistura de músicas, desde brasileiras a anglosaxonas, e Somdolilá, unha batucada feminista con influencias dos ritmos afro do carnaval de Salvador de Bahía.

Este mesmo luns, para abrir o apetito de música en feminino, Brassica Rapa sorprendeu aos paseantes cun animado pasarrúas co ton festivo e metálico das brass bands norteamericanas. Un espectáculo moi variado que mestura música instrumental e vogal coa multipercusión fixo un percorrido polo casco histórico interpretando grandes éxitos do pop á música tradicional galega, jazz, música reivindicativa e bandas sonoras de películas.

Este ciclo estréase este ano dentro da programación de verán oficial ofrecida polo Concello de Pontevedra con sete actuacións no escenario, espectáculo de rúa e un monólogo teatral, A Síndrome de Lis, dirixido e escrito pola pontevedresa Diana López Varela e interpretado por Rocío Barrio, que dá vida a Lis Lúa, unha xornalista reconvertida en actriz que acaba de ser elixida para protagonizar a nova serie de Netflix sobre o narcotráfico en Galicia.

O ciclo rematará o mércores con Ginebras. Magüi, Sandra, Raquel e Juls e o seu universo pop chegarán á praza da Ferrería a partir das 22.30 horas. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora