PortAmérica incorpora intérpretes en lingua de signos en concertos como o de Rigoberta Bandini

Umia
10 de xuño 2026
Actualizado: 18:49

Trátase dunha das principais novidades desta edición, que contará ademais con mochilas vibratorias, petacas FM, pictogramas e sinais NaviLens

Segunda xornada do PortAmérica 2025
Segunda xornada do PortAmérica 2025 / Cristina Saiz

Varios dos concertos principais do festival PortAmérica deste ano contarán con intérpretes de lingua de signos.

Trátase dunha das principais novidades desta edición, que pemitirá as persoas xordas signantes seguir en directo algunhas das actuacións máis destacadas do cartel.

Rigoberta Bandini, Fillas de Cassandra, Marina Reche, Hombres G, Eliades Ochoa, M-Clan, Dani Martín e Xoel López serán os artistas que contarán con este servizo, impulsado coa colaboración da UNED de Pontevedra e a Fundación PortAmérica.

A medida súmase a outros recursos de accesibilidade auditiva xa presentes no festival, como as mochilas vibratorias e as petacas FM, que permiten a persoas xordas con implantes cocleares ou audífonos conectarse ao audio do festival.

O plan de accesibilidade tamén inclúe rutas adaptadas, plataformas, barras, foodtrucks e aseos para facilitar e mellorar a mobilidade dentro do recinto a todas as persoas.

Ademais, en colaboración coa Fundación Menela, incorporará sinais con pictogramas pensados para persoas con trastorno do espectro autista ou con necesidades de apoio visual.

Outra das novidades para esta edición é a implantación de sinais NaviLens, un sistema de sinalización intelixente baseado en códigos de cores de alto contraste, deseñado para mellorar a autonomía das persoas con discapacidade visual e facilitar a súa orientación no recinto.

Os espazos destinados a familias volverán contar con zona infantil, de lactación e servizos específicos para menores. A iso súmanse os aseos sen distinción de xénero e puntos de apoio para a prevención de violencias contra mulleres e persoas LGBTIQ+.

Outro dos avances que xa se consolidou no festival é o Espazo Sensorialmente Amable, deseñado para ofrecer unha contorna tranquila a persoas con hipersensibilidade sensorial dentro dun contexto de alta intensidade sonora, visual e social.

Ademais, a través do programa Portas Xove-PortAmérica, os menores de 30 anos empadroados no municipio terán acceso gratuíto ao festival. As persoas maiores desa idade, pola súa banda, poderán adquirir abonos a un prezo reducido de 50 euros, previa solicitude dun código no Concello entre o 15 e o 30 de xuño.