A música tradicional, a poesía contemporánea e a participación comunitaria fusionaranse o próximo sábado 17 de maio na praza da Veiguiña de Marín, onde a Asociación Cultural Almuinha e o colectivo Mocidade polo Cambio organizan a segunda edición do Festival das Letras.
Este ano, o evento cobra un significado especial ao coincidir coa dedicatoria que a Real Academia Galega fai ás cantareiras, recoñecendo así o papel fundamental das mulleres na transmisión do patrimonio oral e musical galego.
Entre as 19:30 e as 22:30 horas, esta céntrica praza marinense transformarase nun espazo cultural vivo onde se entrelazarán diferentes expresións artísticas e participativas.
"Neste 2025, as Letras Galegas fan xustiza a esas mulleres anónimas, as cantareiras, que fixeron da música unha ferramenta de identidade, resistencia e transmisión cultural", explica Aarón Franco, presidente da A.C. Almuinha, quen destaca como "gardaron o idioma cando era perseguido, e contaron historias cando todo estaba calado".
As Pandereiteiras da Veiguiña serán unha das actuacións destacadas, traendo á celebración a forza das ferreñas e da voz colectiva. Este grupo de mulleres de Marín traballa na recuperación de ritmos e danzas tradicionais desde unha perspectiva comunitaria e feminista.
Completan o cartel musical Raquel González, cunha proposta de pandeiro e voz; Os Morenos Peludos, que mesturan a música tradicional con sons contemporáneos; e os Estroinas, representantes do rock galego con potentes guitarras e letras afiadas.
A poesía será o fío condutor do festival, con recitais que se intercalarán entre as actuacións musicais. Laura Piedras abrirá o evento coa súa poesía urbana e feminista, seguida por outras voces como Fita Sanjorge, Richard Pazos, Mercedes Sancho, Benito Piñeiro, Davinia Lojo, Charo Valcárcel, Aarón Franco, Elena Lameiro e Nila Álvarez Pousa, nunha aposta pola diversidade estilística e xeracional.
O festival non será só para observar, senón tamén para participar. O colectivo OZOCOgz conducirá un xogo que implicará a todo o público nunha dinámica de humor, reflexión e identidade galega.
Ademais, proxectaranse vídeos sobre música tradicional centrados na figura das mulleres como transmisoras da cultura musical oral.
A escolla da praza da Veiguiña tampouco é casual. "Situada no centro da vila, cunha forte carga simbólica e unha historia de usos veciñais, a praza foi durante anos esquecida ou infrautilizada", sinala Franco. Agora, grazas ao impulso veciñal, convértese nun espazo de encontro e dignificación da cultura propia.
Esta iniciativa, independente e autoorganizada, conta co apoio de persoas voluntarias e colectivos que fan posible un evento aberto, gratuíto e colectivo.