Os Concertos de Verán en Soutomaior regresan cun formato de acceso libre e de balde que xuntará sobre o escenario do Peirao de Arcade a formacións de referencia do ámbito internacional coas propostas máis potentes da escena galega contemporánea.
A música en directo esa xornada comezará ás 20:30 horas da man de Duendeneta, un proxecto de discoteca móbil con estética vintage encamiñado a ambientar o público desde o primeiro minuto.
A partir das 21:30 horas será a quenda de De Ninghures, formación composta por sete integrantes de diversos puntos de Galicia que destaca pola súa hibridación de sons de raíz tradicional con ritmos ibéricos, latinoamericanos e magrebís.
O grupo chega a Soutomaior nun momento de gran proxección tras gañar o premio ao mellor álbum en galego na pasada edición dos Premios da Música Independente (MIN) grazas ao seu traballo Feira.
O momento da noite máis internacional está previsto ás 23:00 horas coa irrupción dos italianos Talco, cabeza de cartel desta edición.
O recoñecido grupo internacional achegará o seu potente directo cun repaso a algúns dos seus himnos máis coñecidos no circuíto festivalero europeo, como "Danza dell’Autunno Rosa" ou "La parabola dei battagghi".
Por último, un dos artistas máis destacados da música urbana do momento, 9Louro, subirá ao escenario a partir das 00:30 horas.
Aproveitará a súa parada en Soutomaior para dar a coñecer os temas de Amorrer, o seu segundo traballo discográfico, caracterizado por unha mestura de electrónica, lírica emocional e códigos xeracionais.
O goberno local fixo un chamamento tanto a veciños do municipio como aos visitantes para que acudan desde o inicio dos concertos e vivan a experiencia completa no Peirao.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinala o desexo de que a contorna portuaria funcione como un punto de encontro colectivo que una o lecer e a música nun marco xeográfico singular.
O rexedor recalca que o evento se desenvolverá baixo premisas estritas de "xestión sostible dos residuos, da inclusión, da diversidade e da tolerancia cero ante as conductas sexistas e violentas".
Pola súa banda, o concelleiro de Mocidade, Gonzalo Outeiro, anima a participar activamente na xornada para apoiar un formato que busca manter estes concertos como unha das grandes referencias do calendario estival da localidade.