Presentan o ‘Roteiro dos institutos’ no marco do Ano Castelao

Pontevedra
23 de outubro 2025
Actualizado: 17:44

Terá lugar o día 7 de novembro con saída ás 12.00 horas e está destinado ao alumnados dos IES da cidade

Presentación do Roteiro dos Institutos Concello de Pontevedra

O concelleiro de Cultura e Educación de Pontevedra presentou este xoves o 'Roteiro dos institutos', unha actividade que completa a programación do Ano Castelao e que se desenvolverá o vindeiro 7 de novembro coa colaboración dos equipos de normalización lingüística dos IES Torrente Ballester, Frei Martín Sarmiento, Valle Inclán, Sánchez Cantón, Xunqueira 1 e Xunqueira 2.

Esta proposta lembrará que Castelao foi profesor de debuxo no instituto da cidade, o único que existía daquela.

O proxecto, no que participan alumnado e profesorado de seis institutos pontevedreses, foi presentado por Irene Santiago e Fernando Pazos, dos equipos de normalización do IES Frei Martín Sarmiento e do IES A Xunqueira 1, xunto con estudantes do Frei.

A actividade consistirá nun paseo pola cidade centrado na figura de Castelao, no que o alumnado será o verdadeiro protagonista.

Esta primeira edición está pensada especialmente para o alumnado dos centros participantes, e contará con entre 80 e 100 mozos, unha cifra moi destacable para un roteiro. 

A actividade comezará o venres 7 de novembro ás 12:00 horas diante do Museo de Pontevedra, e fará paradas na Peregrina, Praza da Ferrería, Praza de Teucro, rúa da Oliva, Café Moderno e IES Valle Inclán.

En cada punto, o alumnado explicará o vínculo dese lugar coa vida e obra de Castelao, acompañando as explicacións con lecturas de textos relacionados con cada espazo.

O alumnado do IES Frei Martín Sarmiento, que estudou a figura de Castelao o curso pasado, explicou que esta iniciativa, na que participaron de maneira voluntaria ocupando os recreos dos mércores, serviulles para afondar máis na súa figura. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora