O profesorado alerta no Correlingua de que "nenos galegofalantes falan castelán no colexio"

Pontevedra
21 de maio 2026

A cita está enmarcada na 26ª edición desta iniciativa que percorre Galicia durante o mes de maio. Nela participou alumnado dunha vintena de centros educativos da comarca

26ª edición do Correlingua
26ª edición do Correlingua / Cristina Saiz

A gran festa do Correlingua reuniu este xoves en Pontevedra a alumnado dunha vintena de centros educativos da comarca para reivindicar o uso do galego.

A cita, enmarcada na 26ª edición desta iniciativa que percorre Galicia durante o mes de maio, arrincou no Palco da Música da Alameda coa benvida do artista Luís 'O Caruncho', encargado de conducir un programa no que non faltaron a música, unha marcha pola cidade e a lectura dun manifesto colectivo en defensa do galego.

26ª edición do Correlingua
26ª edición do CorrelinguaCristina Saiz

Tras as primeiras actuacións de Artmonium e Gaiteiros, o alumnado emprendeu a tradicional carreira pola lingua polas rúas de Pontevedra, concluíndo de novo na Alameda para dar paso á lectura do manifesto elaborado de forma conxunta polos participantes. A xornada continuou co concerto do grupo Sniff & Crash, o saúdo do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a entrega de diplomas.

Na súa intervención, o rexedor animou aos mozos a "gozar da nosa lingua" e a utilizala en todos os ámbitos da vida diaria. "É unha lingua marabillosa que serve para todo: para xogar, cantar, bailar ou falar con amigos e familia", sinalou.

26ª edición do Correlingua
26ª edición do CorrelinguaCristina Saiz

Ademais, destacou que se trata "dunha lingua moi antiga" que permite comunicarse con persoas doutros países, como Portugal ou Brasil, e mesmo "falar con xogadores portugueses e brasileiros". Lores tamén pediu seguir defendéndoa "porque se lle está facendo un desprezo e é a única que temos".

Na xornada participaron centros de distintos municipios da comarca, entre eles o IES Pontecaldelas e o CEIP Manuel Córdoba Boullosa (Pontecaldelas), o IES de Barro, o CPI do Toural (Vilaboa), o CPI Domingo Fontán (Portas), o CEIP Plurilingüe Conmeniño (O Grove), o CPI de Meis, o IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa), así como varios centros de la Pontevedra: CEE Pontevedra, CEIP Praza de Barcelos, IES A Xunqueira I, CEEPR Amencer-Aspace, CEIP Manuel Vidal Portela, CEIP San Martiño, CEIP Santo André de Xeve, IES Luís Seoane, IES Frei Martín Sarmiento, CEIP Daría González García, CEP Marcos da Portela e CEP Campolongo.

Máis aló do carácter festivo, o Correlingua volveu pór o foco na situación da lingua entre as novas xeracións. Pilar Rodríguez, docente do CPI Mosteiro-Meis, valorou a iniciativa como "moi positiva para concienciar, sobre todo aos rapaces", aínda que advertiu da perda de uso no ámbito escolar. "Nenos galegofalantes pasan a falar castelán no colexio. Que o galego se está deixando de usar é un feito", explicou.

Na mesma liña, Xoán Pérez, do IES A Xunqueira I, destacou que este tipo de actividades deben ir máis aló dunha celebración puntual e "trátase de usar a lingua no día a día. Nos centros, o galego é minoritario entre o alumnado e a maioría acaba arrastrando ao castelán nas relacións entre iguais", sinalou.

A iniciartiva está organizada por CIG-Ensino coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio Pedagóxica Galega (AS-PG).