Sete meses despois da súa estrea, Prime Vídeo confirmou o que era un segredo a voces. A serie Punto Nemo, rodada na batería militar de San Vicente do Mar (O Grove), reconvertida para a ocasión nunha inhóspita illa do Pacífico, terá unha segunda tempada.
A plataforma confirmou que a gravación dos novos episodios desta serie, protagonizada por Óscar Jaenada, Maxi Iglesias e Alba Flores, xa comezou.
A rodaxe prolongarase en Galicia, fundamentalmente no Grove e Santiago, durante cinco semanas, tras as cales o equipo se trasladará a Canarias e Portugal.
A principal novidade da segunda entrega da serie producida pola compañía galega Ficción Producciones, está detrás das cámaras.
Á fronte de Punto Nemo púxose o director Álex Rodrigo (La casa de papel), que tamén asumiu as tarefas de guion xunto a David Muñoz, Carlos Molinero e Paula Sánchez.

Ademais de Óscar Jaenada, Maxi Iglesias e Alba Flores, o elenco da serie seguirá contando, entre outros, con Margarida Corceiro, Najwa Nimri, Sara Matos, María Isabel Díaz Lago, Nüll García, Felipe Pirazán e Oleg Kricunova.
Esta segunda tempada arrancará xusto onde terminou a primeira, tras a explosión do laboratorio ruso ao que chegaron os sobreviventes da expedición.
Ese acontecemento levaralles a lidar cunha realidade brutal nun lugar moi hostil, xa que a illa, que apenas conta con recursos, está ateigada de criaturas híbridas e, ademais, sobre ela se cerne a ameaza dun virus alieníxena que podería expandirse por todo o mundo.
Nesta nova quenda, a chegada de dous irmáns rusos porao todo patas para arriba. A irrupción de ambos os dous agravará os conflitos internos dun grupo xa de seu marcado pola culpa, o amor e a traizón.
O principal obxectivo de todos eles será escapar, aínda que non o terán nada sinxelo.
Esta nova tempada mergúllase nun thriller visceral que expón unha inquietante pregunta: e se o verdadeiro virus somos nós?

Punto Nemo conta de novo con Mamen Quintas e Xullo Casal (Ficción Produccionens) como produtores executivos desta serie, en colaboración con Ukbar Filmes (Pandora da Cunha Telles e Pablo Iraola), a Xunta de Galicia e a RTP portuguesa.
Do mesmo xeito que na súa primeira tempada, Prime Vídeo estreará os novos capítulos en exclusiva en España e Portugal. Será en 2026 pero, por agora, non se anunciou unha data estimada.