A Casa-Museo de Colón de Portosanto recibiu na mañá deste xoves a visita de Amaro Ferreiro.
Acompañado polo cociñeiro poiense Pepe Solla tivo a oportunidade de coñecer estas instalacións, que, precisamente, veñen de reabrir ao público o pasado martes, en horario de mañá.
Tal e como explicou o compositor vigués, esta visita resultou moi interesante, de cara á posible organización no futuro de iniciativas vencelladas á figura do descubridor do continente americano.
Amaro Ferreiro analizou con interese a diversa documentación e o material audiovisual que está a disposición dos visitantes, na que se defende a teoría da orixe galega de Cristóbal Colón. Ao remate da visita fíxoselles entrega tanto a Ferreiro como a Solla dun pequeno obsequio promocional do Concello de Poio.