RADIO.- As "pequenas cousas" de Peña interprétanse no Galegote e están en 'A playlist'

Pontevedra
29 de maio 2021

Peña é o trío que conforman Toño Magariños, Elena Vázquez e Rubén Abad. Presentan este sábado 29 'Carreiro' no Galegote. E os tres, en voz de Magariños, poñen títulos á súa selección musical en 'A playlist' de PontevedraViva Radio

Toño Magariños trae A playlist de Peña a PontevedraViva Radio
Toño Magariños trae A playlist de Peña a PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Toño Magariños xunto a Elena Vázquez e Rubén Abad conforman o grupo musical Peña. O primeiro comparte charla na Playlist e comparte a lista de cancións especiais deste trío. Acaban de editar 'Carreiro', o seu primeiro LP que se presenta vestido en branco e azuis e ademais de en plataformas dixitais, en disco compacto, en vinilo e en cassette.

Priman as emocións, a sinceridade, a sinxeleza e están no elenco de bandas que forman parte da programación do Galegote. Actuarán este sábado 29 de maio ás 14.00 horas na Alameda. Un intre para gozar de "unha experiencia sosegada", para permitirse un intre tranquilo e que repetirán nos concertos que para os próximos meses van pechando.

Peña constituíuse por mor dun proxecto musical persoal, parello a un concerto anual que anualmente Magariños ofrecía. "O nome soaba ben, ten varias connotacións, ten unha caligrafía bonita... non sabiamos aínda se cantariamos en galego... é unha palabra que tiñamos moito na boca cando nos xuntamos".

Toño é enxeñeiro por formación académica, profesor de FP en exercicio e fai oito meses comezou as "prácticas" noutra profesión que está a ser unha experiencia "marabillosa" diaria: a de pai. O seu vínculo coa música non foi cedo, lembra en PontevedraViva Radio, unha faceta que lle levou anteriormente a formar parte de grupos como Unicornibot ou Diola.