RADIO.- Búscase a Jabois para un cameo en "A estación violenta"

Pontevedra
02 de xuño 2017

"A estación violenta" é o título da novela de mocidade de Manuel Jabois. Matriuska Producións puxo a súa atención no libro e tras uns anos adaptando un guión, estes días ultímase a rodaxe da longametraxe co mesmo nome. Acompáñannos en PontevedraViva Radio a súa novísima directora, Anxos Fazáns e a actriz Nerea Barros.

Nerea Barros e Anxos Fazáns nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio Mónica Patxot

Haberá un cameo de Manuel Jabois en "A estación violenta"? Unha dúbida que queda nestas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio despois de que a actriz Nerea Barros (Goya á Actriz Revelación en 2014 por "La isla mínima") e a directora, Anxos Fazáns, manifestasen ese desexo.

Ultiman esta semana a rodaxe da película baseada na novela xuvenil do xornalista pontevedrés, así que se o aludido está interesado, o tempo aprema a contrarreloxo.

Matriuska apostou por levar ao cinema este traballo de mocidade do xornalista sanxenxino. Unha novísima marinense, Anxos Fazáns, é a directora da longametraxe rodada en Súper-16 mm. Tres actores galegos coprotagonizan a película: Nerea Barros, actriz revelación en 2014 con "La isla mínima"; xunto a Xosé Barato e Alberto Rolán, rostros coñecidos no teatro e televisión de Galicia.

Nerea e Anxos cóntannos anécdotas destes días de rodaxe en Pontevedra, O Grove ou Santiago. Como chegou este proxecto a cada unha delas, ademais de traballos futuros e estreas pendentes.